A Caamagnada toda marchou para as Netherlands hai uns días. Foron representar, xunto a Nastasia Zürcher, o noso país no Liet Int, o festival de música das línguas minorizadas que se celebrou en Leeuwarden. E para unha vez que alguén marcha para aló e non se vai buscar a vida ou perdela polos coffee shops, decidimos pedirlle emprestada ao Antonio Pazos a fotocrónica que fixo da viaxe, a ver como lles fora. Aquí a está!

A fotografía e mais eu temos unha relación tortuosa e difícil. Non é de amor é odio. É puramente odio, sen máis matices. As miñas fotos son sempre dunha calidade lamentabilísima que reflicten a desgana coa que foron tiradas. Aínda así voume servir delas (e dun par de Manuel Tarrío e Manuel Raña) para deixarvos unhas impresións da viaxe que fixemos os Caamagnos polos Paixes Baixos coa escusa de participar no Liet Int, o festival de línguas minorizadas que se celebrou en Leeuwarden a penúltima semana de maio. Non agardedes unha crónica exhaustiva das nosas peripecias cunha prosa florida e sublime. Son comentarios cutres con documentos gráficos aínda máis cotrosos da nosa estancia, os dous primeiros días en Ámsterdam facendo turismo monguer, e os outros dous na propia cidade do festival. Ala, aí vai:


1. As primeiras birras en Holanda, a nosa primeira sablada, o noso primeiro contacto con Clavadalandia. Os prezos en Ámsterdam son prohibitivos para economías terceiro-mundistas como as nosas, pero aínda así fixemos todo o posible porque medrara o PIB holandés con furor inconsciente. Ah, e a Heineken da traída de aló non parecía que soubera tan putamente mal como a de aquí.


2. O das bicicletas en Ámsterdam. Para min, as normas polas que se rixen alí á hora de manexarse na conducción é un auténtico misterio, aquilo é a puta xungla, case non andaba agobiado nin nada. Xuro que vivín momentos de máis tensión que cagando sin pestillo. Dous ou tres de nós non morremos atropelados por tranvías porque Jehová non quixo.


3. Este precioso barco atracado nun dos canais de Leeuwarden foi onde nos hospedamos durante a nosa estancia na cidade, a que mola? Pois non, non mola un carallo. Pasade a seguinte foto, por favor.


4. Neste camarote infecto durmimos en réxime de hacinamiento catro xabaríns orosinos, nas súas correspondentes literas. A dicir verdade, o adxetivo de “infecto” fómosllo dando nós soíños, porque antes de chegar a expedición Caamagnícola só había tufo a cañería. Vénseme á cabeza cousas como “Auschwitz” ou “Ortega Lara”, pero voume a abster de facer ningún comentario, que despois dicídesme que son moi politicamene incorrecto e non sei que máis barbaridades.


5. Folio que tiñamos nas portas dos camarotes asignados. Un clasicazo, escribir mal o noso nome. No festival estaba en todas partes mal posto, como o vedes aí, “Caamango” en vez de “Caamagno”.

Polo demais toda a xente da organización era atenta, agradable e educada, non coma algúns membros da parte técnica do Suns Europe, o festival de Udine no que tivemos a sorte de participar fai un par de anos, que semellaban sentirse realizados profesionalmente tratándonos cunha condescendencia que parecían adestrar na casa. E iso cando os entendiamos, porque o habitual era que se dirixiran a nós falando todos á vez en italiano a un volume absurdamente alto.

A diferencia do de Udine, este festival víase máis humilde e con menos recursos económicos, pero compensábano cun trato humano impecable. Sacando o día da proba de son, que nos citaron ás 11 da mañá e ata ás 13:30h non puidemos comezala porque non chegara o backline, foi todo correcto e máis ou menos en orde. A ver, que non era tampouco o paraíso da organización que pode ser por exemplo, eu que sei, o Candeloria, pero nós quedamos moi contentos e agradecidos co trato recibido.

Ah, e non quero deixar de pasar a ocasión, en nome dos Caamagnos e do meu propio, de mostrar publicamente o noso agradecemento a Manuel Raña, que veu botarnos unha man no que fixera falla. Graciñas, Manu!


6. O mamotreto ese medio estomballado que vedes á dereita é o Oldehove, a torre inclinada de Leeuwarden. Está sen rematar porque cando comezaron a facela ao terreo deulle por afundirse. Quen o ía dicir, eh? Nun país que é unha puta braña. Os constructores quixeron remediar a movida e metéronlle remendos por canto sitio hai, pero nin con esas, de aí que teña ese aspecto como de edificio de Ghotam City. A foto saqueina dende unha escalinata de madeira que fixeron só para estar alí, a lo vida disoluta y contemplativa, e a verdade é que o atardecer que puidemos contemplar era ben fermoso. Dende o alto xa vedes o que pon no chan: “El lenguaje nos hace humanos”, frase coa que non estou moi dacordo, porque eu vexo que teño capacidade para comunicarme a través da linguaxe (algo penosa, pero téñoa), e considérome humano, pero cada vez que abren a boca Gloria Lago ou Manuel Manquiña fanme dubidar de que eu pertenza á mesma especie ca eles. Non digo nin mellor nin peor, eh? Simplemente diferente.


7. Os retretes sempre me fascinan, é raro que non caia algunha foto cando saio por aí. Estes inxeniosos urinarios son a viva imaxe do ciclo da vida, do barril ao barril. Ah, e a billa era un tirador de caña. O café estaba moi rico pero cobrábano coma se lle botaran leite das burras sagradas de Cleopatra.


8. Encantoume Leeuwarden, pareceume moi bonita e acolledora. Mola a multiculturalidade dunha capital europea coma Ámsterdam, pero quédome co punto autóctono de Leeuwarden, supoño que porque tamén é moito máis alleo ao mundo ao que estamos afeitos. E ademais, como podedes observar, teñen árbores en 2D.


9. Se ampliades a imaxe vedes o posto no que quedamos no festival, antepenúltimos. Non vos imaxinades o que me jodeu isto, de verdade, porque de facelo mal, facelo REALMENTE MAL e quedar de últimos. E co nome mal escrito, por suposto. Xúrovos que me encantaría, e asegúrovos que isto non contén en absoluto trazas de ironía. Quédame o consolo de que polo menos fixémolo peor que España en Eurovisión, algo é algo. Xa non contabamos gañar, polo tanto, que máis ten. E as historias dos perdedores son sempre máis interesantes que as dos gañadores, non? Aínda que tamén hai xente que idolatra a Cristiano Ronaldo e ten dereito a votar e á sanidade pública, así que eu que sei.

Despois de que rematara todo o evento fantaseabamos con que abririamos os xornais ou os informativos da tv e radio con titulares tipo “A Familia Caamagno convértese na vergoña da Galiza co seu penoso resultado no festival Liet International”, ou “A Familia Caamagno fai descender ao galego de idioma a dialecto tras o seu estrepitoso fracaso en Holanda”. Molaba mil. Menos mal que estaba Nastasia Zürcher, xunto con Adrián Saavedra, para salvar os mobles representando ao País. Levaron o premio que concediamos as bandas e quedaron de segundos na clasificación, así que moi ben por eles. Non os coñecía en persoa e, polo trato que tiven aló, parecéronme encantadores.

Moita xente (pero moita) que, obviamente, non coñeciamos veu onda nós ao final da gala a dicirnos que mereciamos estar máis arriba no resultado final, pero ao xurado non lle pareceu así. E está ben que así sexa. E nada. En Udine quedamos de terceiros e aquí de antepenúltimos. Simetricamente clavámolo.


10. Total, que Holanda moi ben e tal, todo moi limpo e moi europeo, pero aínda viven no século XIX no tema cubalibre e a comida beh, sen máis. A viaxe estivo guai pero foi máis pola compañía e as risazas que botamos que outra cousa. Vamos, que a min nos Países Baixos, se Dios quere, non me pillan máis na puta vida.


TEXTO: Antonio Pazos

FOTOS: Anotonio Pazos, M Tarrío, M Raña.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.