O vindeiro sábado 10 de novembro Bueu acollerá o concerto celebración do XV aniversario de Dakidarría. A banda miñorana propón unha velada na que non han faltar as grandes figuras do rock galego e estatal. O xardín das Lagoas de Bueu unha festa de aniversario por todo o alto.

Baixo a gran carpa que se instalará no Xardín das Lagoas de Bueu os Dakidarría percorrerán, nun extenso repertorio, a súa traxectoria musical que comezou no 2003 no “Concerto expansivo” organizado pola plataforma de artistas galegas “Burla negra” en protesta pola pésima xestión da crise do petroleiro Prestige. 15 anos nos separarán daquela noite no Bar Patos de Nigrán, 15 anos nos que o alcance desta formación multiplicouse de tal modo que hoxe en día podemos dicir que é un dos grupos de rock máis internacionais da Galiza. Visitaron multitude de países e percorreron a península de arriba ata abaixo actuando nos mellores escenarios.

Dakidarría ofrecerán desta volta un concerto longo e diferente no cal, durante mais de 3 horas, subirán ó escenario tódolos excompoñentes así como multitude de artistas que, de ningún xeito, querían perder esta cita. Dende Valencia chegarán representantes de ASPENCAT e LA RAÍZ, dende Andalucía a enerxía festiva de Trashtucada, o pobo saharauí será representado polo rapeiro Yslem e da escena galega atoparemos a grandes artistas como García MC, High Paw, Nervo (Rebeliom do Inframundo), As Punkiereteiras, Ganjahr Family, Come (The Skarnivals), Suso (Soak), Xurxo Souto (Diplomáticos de Montealto), Vituco (Ruxe Ruxe), Esteban (Skacha), Paulo (Liska), Vudú, Trópico de Grelos, TNT ou artistas circenses como Jano, Isla Le Triska, Peter Punk ou a compañía Asacocirco.

Ademais dos desprazamentos particulares chegarán autobuses a Bueu dende a maioría das cidades galegas, por se alguén non quere arriscarse a collelo carro. Non perdades esta cita que ademais ten entrada de balde. Como ben expresa Gabri “ Vai ser unha noite moi especial na que levamos tempo traballando. Será moi emocionante xa que recuperaremos antigas cancións, adaptaremos outras novas, será algo único e inesquecible para banda, público e colaboradores”.

A noite do 10 de Novembro promete ser, polo tanto, unha onde se darán cita as mellores voces do Punk, do Ska, do Rap e do rock galego e estatal para festexar que, hai 15 anos, unha marabillosa casualidade fixo que nacese Dakidarría.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.