O grupo de música galega NAO anuncia a saída do seu derradeiro disco o vindeiro 20 de novembro. Arrinca así mesmo a derradeira xira da banda, cun primeiro concerto de presentación o 5 de decembro do 2018 na compostelana Sala Capitol poñendo así o punto e final, como xa anunciaran no seu momento, a unha traxectoria que deu comezo no ano 2005.

“Ata que o lume se apague” vai ser un álbum composto por 13 temas gravado a camiño entre Galiza e Euskadi. Os NAO regresaron a Andoain, aos estudios Garate coma no seu disco debut, e xunto co primeiro produtor da banda, Kaki Arkarazo, deron forma a dous dos cortes máis especiais deste disco: unha versión da canción “Txoria Txori” do cantautor éuscaro Mikel Laboa e tamén a derradeira canción que fechará o derradeiro disco.

O resto do álbum decidiron gravalo co produtor dos seus anteriores tres traballos: Iago Pico, nos Estudos PouLand, en Ames. Once temas que innovan no seu característico son e recuperan a forza dos seus comezos baixo textos contundentes como “Franco Resurreción”, “Mazo armado”, “Alba de Groria” ou a canción que lle dá título ó disco “Ata que o lume se apague”. Non faltarán tampouco temas introspectivos e con moita profundidade aos que xa nos teñen afeitos: “Ceder á decepción” ou “Náufrago a contravento” serán algúns deles.

Nestes máis de trece anos NAO destacou por ser unha banda cun forte compromiso social, cun dos mellores directos do panorama galego dos últimos tempos e por ser un referente ideolóxico e musical para máis dunha xeración. Os seus concertos caracterízanse por ter unha afluencia masiva de público que corean as letras da banda de comezo a fin.


Achégase a Apocalipse. O 20 de novembro comeza a rodar NAO. Que se eleve o lume, que arda.

E para quen queira ir ao concerto de presentación do 5 de decembro a Sala Capitol de Santiago de Compostela as entradas anticipadas xa poden mercarse en www.salacapitol.com no caso da venda online e na Sala Capitol e n'A Reixa Tenda fisicamente. Os prezos son de 12€ anticipada 16€ na billeteira.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.