Familia Caamagno estrea novo disco, Había que intentalo, da man de Circo Perrotti e Folc Records. A presentación terá lugar o próximo sábado 13 na Sala Capitol de Compostela. 8 novos temas coa enerxía e a raiba dos discos anteriores pero, como eles propios din, afastados do purismo máis cheirento e co ánimo de facer bailar todo o mundo. Certa viraxe a melodías pop nalgunhas cancións pero a mesma cerna rocanroleira de sempre. Non o dubides, entra no artigo... tes que escoitalo!

4 disco en 7 anos -5, contando o EP que sacaron no Nadal do 2012- para unha das bandas máis interesantes do panorama galego desta década. Rock'n'roll clásico e unha actitude portentosa ao vivo foron as cartas de presentación da Familia Caamagno. E esa base continúa sete anos despois, mais agora podemos tamén ollar a evolución da banda, nomeadamente neste último disco, cara a melodías máis popies e máis bailables. Unha liña que xa apuntaban Lausanne e a marabillosa Fuga de cerebros no traballa anterior pero que agora colle moito máis protagonismo.

De todos os xeitos, ninguén mellor ca os propios Caamagno para falar do seu novo disco. Este é o texto de promo que nos enviaron e que, a verdade, o describe moi ben.

Familia Caamagno están de volta! Os cinco infraseres de Sigüeiro volven máis bailongos e enerxéticos ca nunca co seu novo traballo discográfico: “HABÍA QUE INTENTALO”. Neste novo LP os Caamagno despregan un compendio de melodías pop, ritmos frenéticos e retrousos coreables co único afán de facer bailar a mocidade máis dinámica do ESTADO. Temos ante nós un novo álbum, formado por oito cancións e un bonus track, no que poderanse atopar auténticos himnos contemporáneos do POP ENERXÉTICO, coma Castromil, O peor non son os cartos ou Un día espectacular.

A banda presentou tamén 2 videoclips con temas deste disco, Castromil...

Dialogando cos seus discos anteriores, continuístas no rock & roll de inspiración 60’s pero cun afán renovador: Tabernas e rotondas, Cocogualla e Proceso Soberanista. Xa, afastados do purismo máis cheirento, os Caamagno sorpréndennos con dous cortes: Guapos de primeira, inspirado nos ritmos de ultramar e Canción Moderna de Oriente probablemente o título máis descritivo da historia.

... e Canción Moderna de Occidente

Este novo artefacto está gravado entre os días 2 e 7 de febreiro nos estudios Circo Perrotti de Xixón. Ao igual que os dous anteriores está producido, mesturado e masterizado por Jorge Explosión, agás o corte Canción Moderna de Occidente, que está producido, gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz e masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters (Berlín) en maio de 2018. Este flamante novo álbum da Familia Caamagno está orgullosamente editado pola cántabra e ovetense disqueira Folc Records e o estupendo deseño corre a cargo de Leo Sousa. Familia Caamagno, a banda galega que máis motoserras acendeu, a que máis gasta en roupa, a que tivo o ácido úrico perigosamente alto aos dez anos...VOLVE! porque... “HABÍA QUE INTENTALO”.

Xa sabes, agora só che queda escoitalo un montonazo de veces de aquí a sábado, para aprenderes as novas cancións para a presentación na sala Capitol.

 

FOLC110 FAMILIA CAAMAGNO "Había que intentalo" by FOLC RECORDS

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.