A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, nunha actuación de entrada libre e de balde. A icónica banda repasará os seus 30 ano de carreira e tamén tocará algún dos temas de nova composición.


Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como grande hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos na Galiza que cantaban no noso idioma.

Por este motivo, esta formación —do pouco bo da ‘movida viguesa’— converteuse nun referente para as novas xeracións de músicos do país e un dos grupos máis célebres fóra de Galiza, ata o punto de que Fai un sol de carallo foi un dos dous únicos discos en galego —xunto a Me llamo Andrés do Barro Lapique, de Andrés do Barro— incluídos no libro 201 discos para engancharse al pop/rock español, de Tito Lesende e Fernando Neira.

Críticos, inconformistas, irreverentes, indignados.... Así o recollen unhas letras radicais e comprometidas coa realidade do seu tempo, nas que se falaba da reconversión naval, do paro ou da crise dos sectores produtivos primarios de Galiza e que, moitas delas, manteñen a súa vixencia na actualidade. Así, Somos 29 na casa e Estamos todos no paro de Economía sumerxida teñen máis de vinte anos, pero parecen inspiradas en titulares de xornais ou novas dos informativos.

Por temas como este, a Reixa case lle perdoamos até o da SGAE. Total, outros que o poñen a parir chuchan igual e por riba son uns paquetes.


Os Resentidos envolven toda esta indignación nunha peculiar fusión de rock, funk depresivo, rap, pop e folk cunha retranca intelixente, na que sempre hai convite para a festa. Precisamente, nos últimos oitenta a súa popularidade era tan grande e tan heteroxénea que alternaban as actuacións como grande atracción nas festas patronais das vilas galegas con presentacións nos máis "selectos" platós da rancia televisión feita en España.

Hoxe en día moitos dos seus temas forman parte da listaxe de imprescindibles nas orquestras e nas verbenas actuais. Todos estes temas, xunto a unha selección de novas composicións, vanse poder cantar e bailar o venres 21 de xuño, ao aire libre, na Praza Central do Gaiás, con entrada de balde. A banda subirase ao escenario ás 21 horas, capitaneada polo seu histórico líder, Antón Reixa.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.