The Homens -este sábado en Monfero- e Marful -o 30 de novembro en Pontevedra- anuncian novos concertos. E non é que esteamos de volta nos violentos anos 10, senón que encaramos un outono interesante co retorno destes dous grandes nomes da música do país que por un motivo ou outro deixaran os escenarios. Contámosvolo polo miúdo.

E comezamos pola primeira e aparentemente máis duradoura das 2 voltas aos escenarios anunciadas nestes días. A máis inminente é a reaparición de The Homens o vindeiro sábado 19 de outubro no Grelo Folc de Monfero. O festival que se celebra ao pé do famoso mosteiro xa acolleu hai anos a volta dos Papaqueixos e agora recunca como marco incomparábel para outra volta aos escenarios dunha banda histórica.

The Homens foron son unha banda de pop en galego, nada nese enxame musical que é a Casa Xurásica compostelá, de curta pero intensa vida na primeira década do século XXI. Agora volven, segundo eles mesmos sen ter claro para canto lles vai dar o fol, prometendo, iso si, volver enfundarse a elástica bianconera que os idenficaba mentres lles siga entrando. Aclaran, nun pequeno texto publicado no seu blogue, que o fan obviamente por cartos -non se deron arruinado hai 15 anos e prometen tentar facelo agora de volta- e non por aclamación popular pois non agardan atopar moita máis xente agora nos seus concertos da que atopaban daquela. Quizais se enganen, nesa filia polo malditismo tan propia da arte minoritaria -si, a música galega éa-, pois outras bandas que percorreron despois ca eles eses carreiros popies -Novedades Carminha ou os últimos Terbutalina- si souberon dar coa fórmula dun éxito -relativo- que non deron encontrado na altura os de Compostela. Os tempos mudan e aquel deserto post-bravú de hai 15 anos en que apenas destacaban bandas debedoras desa corrente como Lamatumbá ou Ruxe Ruxe agora mudou nun ecosistema vizoso onde probabelmente The Homens teña mellor acollida.

Polo si ou polo non, para alén deses novos temas que anuncian para moi logo e polas que xa devecemos, o que é claro é que volveremos escoitar no escenario ese powerpop fresco que deron armado de vez e de maneira ben xeitosa no seu terceiro traballo, co orixinal título de Tres (Falcatruada, 2007), para moitas persoas un dos mellores disco de pop en galego dos últimos 25 anos. Cres que non? Pégalle unha escoita.


A outra volta anunciada para estes outono é a de Marful. A formación volveu estar "de moda" este inverno pasado despois de que Sabela, a brava de Bravos, a concursante galega na edición 2018 da chambonada televisiva que maior dano lle ten feito a música estatal, Operación Triunfo, empregase un dos seus temas. A cantante galega tentou insuflarlle un bocadiño de calidade artística ao programa coas súas escollas musicais e entre elas estivo Tris Tras, canción de Marful que provocou o abraio dos televidentes lusófonos -Que é o que canta esta rapaça? preguntaban moitos nas redes- e dalgún xeito foi o xerme desta volta fugaz á actividade de Marful, pois a propia Sabela acompañaraos no concerto que han dar no Culturgal, no pazo da Cultura de Pontevedra, o vindeiro 30 de novembro.


Apenas un par de discos, tampouco nunca grandes concertos ante milleiros de persoas, mais Marful acabaron por deixar unha pegada na música galega que moitas aínda descubriron cando sentiron a súa música nos beizos de Sabela Ramil. Mais o certo é que a súa aposta pola música dos salóns de baile da primeira metade do século pasado callou nunha mistura de letras potentes e ritmos bailables con pinguiñas de certo ar decadente que supuxo un adianto da exploración por camiños distintos do folk que nos seguintes anos emprenderon outras bandas do xénero. O que non deixa, ademais, de ser unha constante na traxectoria dos membros da formación, os irmáns Pascual, Marcos Teira e Ugia Pedreira, cuxos nomes aparecen vencellados a proxectos tan dispares mais necesarios para entender a música galega dos últimos 30 anos como Chouteira, A Psicofónica de Conxo, Laio, Talabarte, Narf e desde logo aCentral Folque.  

Leverelem ao vivo, en Monterroso. Vídeo:Ulloa Crea

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.