A banda da Estrada pecha este sábado 7 de decembro 14 anos de camiño polo rego do rock e o metal en galego. Jasper, Gus, Amós e Torroncho subirán por derradeira vez xuntos a un escenario en Amio, nun concerto con numerosos convidados e tres bandas abrindo unha noite que vai ser histórica. SondaRúa, Rebeliom do Inframundo e Odolaren Mintzoa quecerán o ambiente do Recinto Feiral para dar paso despois ás máis de 3 horas de concerto nas que os Nao repasarán a súa discografía.

Vai para 13 anos que Nao se daba a coñecer con dúas maquetas, Usa a palabra e Somos Nao. A formación era moi diferente á actual, xa estaban Gus e Jasper, pero este aínda non era á voz da banda, e Amós, que entrou en Cancións de amor e liberdade no 2013, ou Torroncho, que colleu o baixo que antes tiveran Paul ou Anxelo no 2016, non formaban parte do proxecto. Porén, os nomes escollidos na altura para as maquetas acabaron por definir con exactitude toda a traxectoria da banda. O uso da palabra para contaren quen son e que viñeron facer aquí. E iso que, a pesar de telo claro desde o comezo - ou precisamente por iso- o camiño non foi doado. Dicir, e con estridencia, o que un pensa non adoita axudar en ningures, e aínda un pouco menos neste país. E Nao sempre falou ben clariño, como podedes ver neste entrevista de Montse Dopico no 2014.


Porque os Nao que se van despedir diante de milleiros de persoas este sábado en Amio teñen tocado para unha ducia de incondicionais nalgún concerto, aínda non hai tanto tempo. Aínda que tamén é verdade que xa levan uns anos sendo un dos grupos galegos con máis pegada, especialmente na xente nova. Quizais foi un Castañazo Rock de hai 6 ou 7 anos onde se confirmou. O público por milleiros cantaba os temas de Nao. Non era un espellismo. Despois Revenidas, Armadiña Rock, etc. foron testemuño de como a banda era cada vez máis querida polo público galego. E iso que a censura nos medios públicos galegos á traxectoria da banda está a durar até o derradeiro concerto, agás algunha excepción valente...e algunha outra curiosa que aínda os ha sorprender!


Este derradeiro estalo comezou a cocerse hai agora uns 15 meses, nun casarío vasco gorecido de ventos e olladas nunha valiña fermosa. Os Estudio Gárate, de Kaki Arkarazo, os mesmos que acolleran a gravación do primeiro LP dos da Estrada, Coas túas mans (Autoeditado, 2010), volveron ser o fogar da banda durante unha semaniña. Aló gravaron 2 temas do que sería o derradeiro disco, Ata que o lume se apague (Autoeditado, 2018), presentado o 20 de novembro dese ano, entre eles o 'Adeus e grazas' que pon o ramo á carreira discográfica de Nao.

Até aló foi o Komando Ouve Fanzine! a lles facer unha entrevista -e de paso gravar un videoclip e botar uns berros nunha canción- na que Gus e Jasper nos contaban cal ía ser a traxectoria na banda nestes seus últimos meses. Porque Nao non deixou nada ao chou e todo ese proceso apocalíptico está pautado e pensado desde hai tempo. Así llelo contaban aos irmáns de Ouve! hai un ano.

Recinto Feiral de Amio, 7 de decembro. Adeus e grazas

E como estaba programado, este sábado 7 de decembro de 2019, o Recinto Feiral de Amio acollerá o derradeiro concerto dos Nao. Antes, SondaRúa, Rebeliom do Inframundo e Odolaren Mintzoa, chegados desde Euskal Herria, irán quentando o ambiente da noite. Os de Usurbil xa teñen estado no país da man de Nao, así como SondaRúa e Rebeliom teñen colaborado nos videoclips e concertos dos estradenses. E así acontece con todas as colaboracións da noite: Mini e Navia Rivas, Pauliña, Picchio de Banda Bassotti, Gabri Dakidarría,... un feixe de nomes diversos, de Sabela Ramil a Luken Arkarazo, dos Odolaren, unidos todos eles pola amizade cos membros de Nao.

Entre unhas cousas e outras, unha longa noite, con 3 concertazos previos e o derradeiro espectáculo de Nao, directo no que levan a traballar arreo nas últimas semanas para nos deixar a mellor lembranza na súa despedida. Atrás quedan recoñecementos como o Martín Códax na categoría Metal 2019 ou os concertos, máis de 80 publicados na nosa Axenda nos últimos 7 anos. Quedamos coas cancións, que contan as reproducións por centos de milleiros nas redes pero sobre todo quedamos coa súa mensaxe. Venceremos nós!

Adeus e graza, Nao.






Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.