Esposa presentou hai dous meses estes dous novos discos, que recollen o traballo da banda nos últimos dous anos. Cancións propias, unha delas inédita e un feixe de versións libres de bandas de rock anglosaxoas dos 70s e 80s do século pasado. Entra no artigo para escoitares as novas cancións da banda compostelá.

· Estes dous discos recollen o traballo da banda dende o seu LP ‘Xardín interior’, continuando cun pop entre enérxico e intimista, que documenta cambios vitais como a emigración.

· ‘Belo Horizonte’ inclúe catro composicións propias: a inédita ‘Acordeón’ e tres temas que apareceran en diferentes compilacións nos últimos dous anos, un deles en colaboración con Pantis.

· En ‘É o que hai’ o grupo presenta catro adaptacións libres ao galego de The Feelies, Yo La Tengo, Billy Bragg e The Modern Lovers.

 “No momento en que as cousas non poden ser como queremos, temos que facelas doutra maneira”. O texto co que Esposa presentan os seus novos traballos, os EPs Belo Horizonte e É o que hai, empeza co que pode ser tanto unha escusa como unha declaración de principios. Nos últimos dous anos o grupo estivo practicamente inactivo por ter deixado de vivir na mesma cidade, pero as cancións que saíron dese tempo de pausa recollen a dúbida vital para documentala e atopar alegría no proceso, en catro cancións propias (as que compoñen Belo Horizonte, tres delas xa aparecidas en compilacións) e catro adaptacións libres ao galego de The Feelies, Yo La Tengo, Billy Bragg e The Modern Lovers (recollidas en É o que hai).

Os dous EPs recollen en parte a influencia deses referentes, cunha sensibilidade pop pero sen medo ao barullo nin interese por facer exercicios de estilo. O son continúa sendo o que Esposa xa desenvolveran no LP Xardín interior: o centro son as melodías pero non hai fallo en achegarse ao punk (pola velocidade ou polo ruído) e ao dream pop (polos teclados atmosféricos), aportando novidades como o toque tropicalista de “Belo Horizonte” (tema en colaboración con Pantis) ou as tormentas eléctricas de “Ohm” e “Pablo Picasso”.

Pola parte das letras, o espírito é o dun pop postadolescente: "non é que queiramos seguir sentíndonos novos; é que as condicións sociais non nos deixan medrar de todo", explica a banda. Se os textos anteriores da banda xiraban arredor da identidade e as expectativas, en Belo Horizonte e É o que hai gañan peso os conflitos relacionados con facerse adulto, como a emigración (especialmente presente nas cancións que dan título aos EPs), o traballo ou as relacións. Estes conflitos colectivos son tratados dende o íntimo, con certa tensión entre a preocupación (“fixeime un obxectivo e non sei cal é”, cantan en “Pra que serve esta canción?”) e un relativo optimismo de cara ao futuro (como en “Acordeón”, onde din “costa abaixo fun facéndome maior / costa abaixo fun facéndome mellor, fallando”).


Os dous discos, producidos por Bobby G. a excepción dunha canción, aparecen por agora en edicións dixitais, e están dispoñibles para escoitar no Bandcamp de Esposa e as principais plataformas de streaming. Belo Horizonte conta cunha portada da ilustradora galega Camila Viéitez, mentres a de É o que hai corre a cargo da integrante da banda María Villamarín. Hai uns meses o grupo adiantara xa o videoclip dirixido por Pepa Prieto Puy e Gael Carballo para “Nube branca”, un dos temas incluídos en Belo Horizonte. Cando sexa posible, o grupo presentará os EPs en directo.


Videoclip de "Nube branca", dirixido por Gael Carballo e Pepa Prieto Puy

Escoita 'Belo Horizonte' e 'E o que hai'



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.