O primeiro traballo discográfico deste grupo de folk celta atlántico, -Canto das Xacias, apoiado por unha campaña de micromecenado-, publicarase o vindeiro 8 de setembro O primeiro single, no que colabora Javier Cedrón, lanzouse o pasado 25 de agosto e deixa entrever as sonoridades tradicionais das que agroma a banda, conformada por artistas da Coruña e Arteixo.

A banda de folk celta atlántico Dequenvessendo estrea este martes, día 25, o tema Muiñeira d’a cabra, o single de presentación do que será o seu primeiro traballo discográfico, Canto das Xacias. O disco verá a luz o vindeiro 8 de setembro logo de acadar, exitosamente, unha campaña de micromecenado impulsada polo grupo e na que participaron máis dun cento de persoas. “Canto das Xacias é un disco conceptual co que pretendemos poñer en valor a importancia da recuperación do imaxinario popular galego e da literatura oral, ese saber compartido que nos idenfica e que é piar da nosa cultura”, sinalan os membos do grupo, que contan neste traballo coa colaboración de artistas como Sés, Bieito Romero ou Nani García.

Así, sonoridades celtas, atlánticas e de raíz conflúen sutilmente nun álbum no que a banda fía un relato singular, a da lenda da xacia do Miño, a través de once temas de creación propia. Textos novos e outros recuperados da literatura galega conforman a narración do Canto das xacias, un álbum sincero e fiel ao espírito do propio grupo, ateigado de matices e influencias de diversos estilos que descobren, ante o mundo, o folk galego contemporáneo.

Eis o vídeo da Muiñeira da cabra

Nesta peza, na que colabora o violinista Javier Cedrón, o grupo amosa a súa estreita relación cun dos locais de concertos máis coñecidos de Santiago de Compostela, Casa das Crechas, e do que forma parte da súa programación de xeito habitual.

Dequenvessendo

Dequenvesendo bebe da tradición para actualizar o folk galego. O grupo nace no 2016 no seo da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo), coa idea de formar un proxecto baseado nos cuartetos de música tradicional. Desde os seus inicios, o grupo deixa a súa impronta en foliadas de prestixio como os Cantos de Taberna de Folgoso do Courel ou en citas como o Festival da Carballeira de Zas. A experimentación sonora e o achegamento ao traballo de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro, Silly Wizard ou The Tannahil Weavers dán paso, desde a tradición, ao folk contemporáneo.

As influencias de diversos estilos musicais resoan nos seus directos e o grupo acada a súa actual formación, de 6 membros multiintrumentistas, no ano 2018. Neste tempo a banda convértese nunha peza chave da programación musical de míticos locais como Casa das Crechas ou Cova Céltica e acada o recoñecemento en eventos de primeiro nivel. É o caso do Festival de Ortigueira, cita na que se proclama gañadora do Concurso Runas 2019 xunto ao gaiteiro xaponés Yuki Kojima. Neste 2020 o grupo impulsa e finaliza, exitosamente, unha campaña de micromecenado apoiada por máis de 160 persoas co obxectivo de publicar o seu primeiro LP.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.