A Guarda en xullo, Redondela e Forcarei en Agosto. Eis as primeiras datas desveladas polos Heredeiros da Crus na presentación da súa xira 30º aniversario. As 3 vilas recibirán a banda do Barbanza grazas ao programa Musigal da Deputación de Pontevedra.
A Coruña, 1 de abril.- Os máis jrandes están de aniversario. Neste 2022 cúmprense trinta anos desde que por primeira vez subisen a un escenario. A este feito, súmaselle que Heredeiros da Crus leva dous anos experimentando con formatos alternativos, propios do momento pandémico vivido ata o de agora, pero non tanto da natureza da banda.
Os do Barbanza califican a súa experiencia 'angústica' como enriquecedora, pero son moi conscientes de que o seu forte é o formato eléctrico e veñen dispostos a facer vibrar ao público máis esixente. Cun disco nas costas que apenas tivo ocasión de ser ensinado, 'Derretidos' (dotbeat-2019) será o gran protagonista dos concertos desta xira, na que por suposto teremos a ocasión de facer un repaso por todos os grandes éxitos destes trinta anos plagados de creatividade e orixinalidade.
As vindeiras datas traen moitas sorpresas. Heredeiros promete a súa xira máis memorable e forte das acontecidas ata o de agora. O certo e que trinta anos despois, seguen sendo o torrente de rock máis memorable do panorama musical galego.