Xira e lanzamento dun recompilatorio cos seus grandes temas. A banda coruñesa celebrará nas vindeiras semanas o seu 20º aniversario, e o comezo será na Sala Garufa o próximo sábado 30 de abril para abrir unha xira de aniversario que levará o grupo a Santiago, Ferrol ou Lugo durante o mes de maio. Neste primeiro concerto soarán cancións habituais do seu repertorio e as dúas inéditas que se recollen en ‘Tiruleque, 20 anos no camiño’, o disco co que celebran o seu 20º aniversario.
Santiago, 18 de abril.- Vinte anos de traxectoria, vinte anos de concertos en escenarios, foliadas e romarías, vinte anos de fusión entre o tradicional e a creación propia con aproximacións a xéneros diversos como a cumbia, o swing ou o son cubano entre outros. Ese é o resumo apurado do periplo trazado por Tiruleque, banda de orixe coruñesa que leva máis de dúas décadas percorrendo non só o país coas súas actuacións, senón tamén o estranxeiro ao ter participado en festivais internacionais tan prestixiosos como é o de Lorient. Neste 2022, Tiruleque conmemora o seu vixésimo aniversario cun duplo festexo.
En primeiro lugar, o grupo iniciará unha xira de concertos o vindeiro 30 de abril cunha actuación especial na mítica Sala Garufa da Coruña (Rúa Riazor, 5). Esta cita, cuxas entradas xa están á venda a través da plataforma Entradium nesta ligazón, será a primeira dunha serie que levará a Tiruleque durante o mes de maio á Casa das Crechas de Santiago o vindeiro día 5, a Canido (Ferrol) o domingo 8 e á Clavicémbalo de Lugo o 14 de maio.
Tiruleque ao vivo no Festival de Lorient de 2019
E en segundo lugar, o grupo lanza un novo traballo discográfico. Baixo o título Tiruleque, 20 anos no camiño, recompílanse os temas máis destacados dos tres álbums de estudio publicados polo grupo (Tiruleque en 2009, Mu!! en 2013 e Outro que tal baila en 2018) e dous temas inéditos. Este recompilatorio sae en formato dixital ao cal se poderá acceder ao adquirir nos amentados concertos unhas láminas ilustradas asinadas por Juanlu Nacha, deseñador que se encargou da arte gráfica do disco. As láminas conteñen un código de descarga.
Os temas deste Tiruleque, 20 anos no camiño están interpretados por Antón Bueno (contrabaixo), Álex Fente (acordeóns), Luis García (bombo con pratos, percusións e coros), Miguel Horjales (caixa, percusións e coros), Serxio Núñez (clarinete, gaita, percusións e voz), Fernando Román (saxo soprano, clarinete e trompeta) e José A. Vázquez (gaita, saxo alto, pandeireta e coros). Ademais, tamén colaboran en diferentes temas Juyma Estévez e Pablo Pintor, quen se reincorpora á formación estable de Tiruleque tras anos de paréntese nunha nova andaina do grupo na que asumirá a percusión e o bombo con pratos.
Dende 2002
Tiruleque nace como banda no 2002, ano no que cinco rapaces da Coruña procedentes da música tradicional comparten as súas inquedanzas. Xorde así un proxecto musical que intenta desde un primeiro momento, mesturar un repertorio baseado en recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias e pezas propias.
Esta evolución ao longo dos anos, leva o grupo a engadir distintos instrumentos cos que levar máis aló esa tradición e creatividade. Deste xeito, a banda consegue acadar maior expresión, maiores posibilidades e un son propio recoñecible dende a primeira escoita que se plasma nos discos autoproducidos Tiruleque (2009), Mu!! (2013) e Outro que tal baila (2018).
Co seu repertorio, Tiruleque leva 20 anos percorrendo a xeografía galega e estatal, deixando constancia da calidade dos seus directos coa participación en festivais de recoñecido prestixio, como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Festival de Pardiñas, Beltaine-Avilés Intercélticu ou no Festival Intercéltico do Morrazo. A nivel internacional participou representando a Galicia nas 41ª e 49ª edicións do Festival Intercéltico de Lorient. Tamén teñen compartido escenario con recoñecidos artistas como Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Kepa Junkera, entre outros.