Anxo Araújo estrea ‘Aprender a bailar’, o seu esperado segundo disco. Despois de tres sinxelos de adianto chega ás plataformas dixitais, e tamén en formato CD e vinilo, un álbum de nove temas onde os ritmos bailables, as percusións latinas, os ventos e os sintetizadores marcan a paisaxe sonora. ‘Aprender a bailar’ é un disco que “disipa tormentas” e que convida a celebrar a vida e a vivir o presente. As primeiras datas da xira de presentación serán en Compostela, A Coruña, Lugo e Cambados

Tres anos despois de ‘Plan de urbanismo para un novo couto mixto’ (Unha casa calquera  - Ultramarinos), Anxo Araújo presenta un álbum de pop melódico que conserva as reminiscencias folk e da música tradicional galega do primeiro traballo. “O proceso creativo do anterior disco coincidiu nunha etapa persoal na que saín dun burato para atopar un novo mundo” di o músico pontevedrés. “Agora sigo nese novo lugar, estou ben e contento de estalo. E desde aquí fixen a escolla dos arranxos e da produción do disco. Así que a proposta final non foi intencionada senón o punto de chegada dun proceso que me foi levando”. Desde a súa alegría cotiá, Anxo Araújo convídanos a deixarnos levar e a expandir os sentidos cun disco que desde a intimidade mira ao colectivo.

Aprender a bailar’ foi gravado entre Unha Casa Calquera (Poio), Garaxeland (Compostela) e Terraforma (O Hío); mesturado por Anxo Araújo e Ibán Pérez; e masterizado por Victor Garcia en Ultramarinos (Catalunya). Anxo Araújo gravou as voces, as guitarras, os teclados, os baixos e os sintetizadores e no estudo de gravación contou cos músicos Faus Camaño (batería e percusións), Borja López (ventos) e Julio Visi (percusións latinas), así como con outras colaboracións.  

A xira de presentación do disco empezará en Compostela, na Sala Sónar, o 19 de abril. E a esa primeira data seguiranlle a Krazzy Kray de Cambados o 27 de abril; a Sala Mardi Gras da Coruña o 30 de abril e o Club Clavicémbalo de Lugo o 1 de xuño. Nestes concertos, Anxo Araújo á voz e guitarra acompañarase de Jose Visi aos teclados e á guitarra eléctrica, de Borja López ao trombón e sintetizador, de Julio Visi ás percusión e de Faus Camaño á batería.

De ‘Aprender a bailar’ coñeciamos ata o de agora os sinxelos ‘Por que tivemos que discutir?’, ‘Esta noite de San Xoán’ e ‘Os días felices’, un tema acompañado dun videoclip realizado por A Carrinha Vermelha a partir dunhas cintas familiares de Anxo Araújo en Super 8. Desde hoxe, o disco pode mercarse na páxina web anxoaraujo.com e escoitarse nas principais plataformas dixitais.

Videoclip d'Os días felices

Anxo Araújo leva máis de vinte anos na escena musical galega como músico en numerosas bandas. O seu debut discográfico en 2021 levouno a formar parte de citas da programación musical galega como o Ciclo Xullo Pop, Atardeceres do Gaiás, as festas do Apóstolo en Compostela ou festival Surfing the Lérez, entre outros. Con ‘Plan de urbanismo para un novo couto mixto’ foi nomeado aos Premios Martín Codax da Música galega e foi un dos artistas seleccionados para formar parte da Feira de Música do Miño MUMI 2023.  

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.