O artista viveirense publicou o pasado 10 de xuño o seu novo EP, 6 a.m.ORES, un traballo composto por seis cancións no que experimenta con ritmos novidosos no seu repertorio, afastándose lixeiramente dun estilo até agora máis vencellado ao hip-hop, para demostrar a súa versatilidade artística e abrir unha nova etapa musical. No proxecto colaboran artistas coma Kid Mount, Yuly, LANASA ou Rodro.

Cada canción aborda o amor desde unha perspectiva diferente, abranguendo dende o romántico até o máis íntimo e visceral. Deste xeito, o EP convértese nunha oda ás emocións, ás relacións e ás sensacións que xorden arredor dos romances e das conexións humanas.

No que atinxe ás colaboracións, Kid Mount volve facer unha aparición salientable para achegar a faceta máis urbana do EP, nun tema de trap que cumpre con creces as expectativas xeradas tras o éxito da súa anterior colaboración, Lágrimas nun bote. Por outra banda, a colaboración con Joel e Dani, do dúo LANASA, achega frescura ao conxunto do traballo cun tema cunha sonoridade máis dinámica, mantendo a liña temática do romance
presente en todo o proxecto.

En canto á produción, o EP conta co traballo de Yuly, Rodro e Sky J, encargados de dar forma ás distintas sonoridades presentes no proxecto, combinando influencias da escena urbana galega e estatal. Pola súa banda, Peter Petrowski encárgase da mestura e masterización do traballo, achegando cohesión e personalidade sonora ao conxunto do EP.

Como o propio cantante comenta: “6 a.m.ORES fala sobre seis historias de amor escritas de madrugada, nas horas nas que todos somos máis vulnerables e cando inevitablemente pensamos no que nos quita o sono. Creo que estas cancións pertencen á noite e gustaríame que tamén se escoitasen nela. É un proxecto moi persoal no que quixen explorar novas formas de expresar emocións e experimentar con sons diferentes aos que viña facendo ata agora”.
6 a.m.ORES marca un antes e un despois na carreira musical de xmaseda65: os novos sons, os ritmos explorados e a marcada estética visual do proxecto abren a porta a unha etapa máis madura, ambiciosa e experimental dentro da súa traxectoria.

O EP pode ser escoitado xa en todas as plataformas dixitais desde o 10 de xuño. Se nunca escoitaches nada de xmaseda65, aquí che queda o clip de 'Crer que me ques', -a colabo con Kid Mount- subido á rede hai apenas un mes para que descubras un dos nomes propios da nova música urbana galega.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.