Igual é porque os premios son patrocinados por unha cervexa galega. Mais o certo é que a música do país ten presenza en varias das candidaturas na cuarte edición dos Premios da Música Independente. Non é que na redacción de GZmúsica sexamos moi amigos deste tipo de telderetes, mais rechamounos a aparición de Das Kapital entre os candidatos a mellor álbum de música electrónica. Por iso botamos unha ollada.

O primeiro que sorprende é que tres das cinco candidaturas a mellor álbum de música de raíz son galegas. Uxía, Talabarte e A Banda Crebinsky. Porén, de analizarmos as propostas presentadas nesta categoría, a cousa enténdense mellor. Tan só 17 discos optaron a este galardón, e 6 deles foron propostas galegas de Fol Música, a división dedicada á nosa música de BOA.

E como xa dixemos, os Das Kapital están nomeados ao mellor álbum de música electrónica. Tampoucos moitos discos presentaron candidatura nesta categoría, apenas 14. E entre os 5 escollidos, tamén se coa o último disco do ferrolán Carlos Jean.

Sorprende o pouco interese que espertan estes premios nas bandas estatais

Noutras categorías, como rock ou músicas do mundo, non se presentaron propostas de música en galego. Iso si, entre os escollidos para artista revelación están Disco Las Palmeras! A banda leva un par de anos sorprendendo no panorama español, co seu son escuro e potente. Claros debedores de Sonic Youth ou Joy Division, os composteláns son xa asiduos dos festivais do rock alternativo español que se celebran ao longo do estado. De feito, estarán presentes na última versión destes macrofestivais nacida na Galiza, o PortAmérica, que se celebrará en xullo en Nigrán. Con nula presenza da música en galego, of course.

O cuarteto Quiroga en clásica, o fermoso vídeoclip de Alberto Baamonde para Eladio y Los Seres Queridos, Víctor Coyote e algunha outra nominación para empresas do sector sediadas en Galiza completan a nómina.

O certo é que sorprende a pouca importancia que a propia música independente estatal lle concede a estes premios, á vista das poucas propostas presentadas na maioría de categorías, agás as senlleiras. Practicamente, no resto de categorías as candidaturas están conformadas por grupos pertencentes a 3 ou 4 empresas que forman parte da Unión Fonográfica Independente, entidade organizadora. Malia anécdotas agradables como a presenza de Das Kapital, a sensación final é endogámica.



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.