O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e o Festival Novo Cruceiro Rock apresentaron a pasada semana na vila dezá o libro-disco Sexo, lingua e rock'n'roll. O volume foi realizado por alumnado, exalumnado e profesorado do instituto e conta coa colaboración de xentes da cultura e da música do país.



O libro serve de apresentación pública dunha fornada de novas e novos escritores de Vila de Cruces e inclúe textos de estudantes que falan dos temas do libro: o sexo, a lingua e o rock'n'roll. O volume defínese como "un proxecto dun grupo de xente nova que está a construír a súa vida desde a creatividade e o inconformismo, xente que cre na capacidade das palabras para cambiar as cousas, para cambiar o mundo".

O libro inclúe o CD Camballón Mix nº 6, a sexta antoloxía de música galega actual, recompilada polo Clube da Lingua do instituto. O CD inclúe dous temas especiais: un do rapeiro Gamy, e outro de Letícia Rey, alumnos do centro. Neste CD inclúense ademais temas de Ruxe Ruxe, Sacha na Horta, Carlos Gende, Dios Ke te Crew, Chupa de Sky, Joao Lucas e Marcelo, Sés, Aline Frazao, A cada Canto, Fred Martins e Ugia Pedreira, Deolinda, Medomedá, O Leo, Deseqilibrio Mental, Familia Caamagno, Invivo e Heredeiros da Crus.

Ademais, a obra é o resultado dunha creación cultural colectiva e participativa que vincula a nosa lingua coa modernidade e visibiliza a forma en que a xente nova se enfronta aos conflitos sociais e culturais con valores de cooperación, xustiza social e creatividade.

O libro parte da cooperación de dúas entidades baseadas na participación da xente nova de Vila de Cruces: o Equipo de Normalización Lingüística do Marco do Camballón e mais o Cruceiro Rock. O Cruceiro Rock, que este ano terá lugar o 10 de agosto e contará cos grupos Ruxe Ruxe, Invivo, Deseqilibrio Mental e Familia Caamagno, é un dos festivais históricos do país e segundo Álex Fiúza, un dos seus organizadores e dos coautores da obra: "É un Festival que abre fronteiras, un soño feito realidade".


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.