Escoitas música no choio? Seguro que nunca deches en pensar se a música que escoitas é a axeitada para o teu traballo. Vai ben o hardcore para unha carpinteira? Pode un percebeiro escoitar Milladoiro mentres apaña crustáceos? Nós, que tamén escoitamos música mentres traballamos, estudamos o tema e traémosvos algunha suxestión.


Atopamos na rede un estudo ben curioso, sobre a mellor música para cada traballo. Pasámolo polo peneira de GZmúsica e a cousa quedou así:

Es como Juan Ramón e traballas na construsión? Pois o que mellor che vai é precisamente iso, o rock ou incluso o metal. E ben alto, que non se escoite a trade percutora!

Se es atleta ou adestrador@, telo máis doado. Ou ben fas como o David Cal e escoitas A Tuna Rastafari ou ben escolles algo máis punki. Polo de levantar o ánimo, seica. Porén, calquera excusa é boa para escoitar os Verghalludos

Seguimos cos que traballan de pé. Sobre o que se coce na cociña o estudo non abre a boca, pero para quen está cara ao público recomenda calquera cousa menos o que levamos escoitado, punk e rock. Acaíalle ben algo tradicional e alegre, como os Tiruleque.

Vamos logo coa xente que non ergue o cú do asento. Primeiro, os que van motorizados. Se andas sobre 4 rodas, repartidor, taxista, comercial, especialmente se fas moito percorrido urbano, escolle algo tranquilo. Tradicional, pop, jazz e fuxe do heavy metal.

E se vas motorizado, pero andas na estrada, algo máis movido. The Homens, por exemplo.

Traballas nunha tenda de discos? Parabéns!! Xa hai pouc@s coma ti! Ti sabes ben o que escoitar...algo que non coñeza ninguén, super-alternativísimo! Ah, isto tamén vale para picadiscos pretenciosos e webmanagers musicais vari@s!!








Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.