Un dos fundadores do histórico grupo vigués, o cantante das barbas longas e a voz tronante, apareceu morto no seu domicilio este domingo. Adolfo Domínguez, Fito, é peza imprescindíbel no nacemento do grupo na década dos 70 no barrio operario de Teis, na cidade de Vigo. Precisamente nas tabernas da zona, onde se reunían a cantar os obreiros do metal, foi onde xurdiu o xérmolo do que despois sería A Roda. O propio Fito foi soldador nos asteleiros para dedicar despois toda a súa vida á difusión e recoñecemento da nosa música tradicional.


O músico apareceu morto no seu domicilio xusto unha semana despois do falecemento da súa dona, Filo Dourado. A nova correu polas redes sociais xa na tarde de onte e centos de persoas, músic@s e seareir@s da música galega mostraron o seu fondo pesar polo falecemento da Alma Máter do grupo vigués. A Roda en xeral e o propio Fito en particular souberon atopar o xeito de se converter en patrimonio de todas e todos os galegos. De feito, hai tempo que as sobremesas festeiras deste país veñen marcadas polos temas tradicionais que popularizou o grupo, cantados por todas e todos nós do xeito e mesmo na orde en que o fan eles nos seus poupurris. O éxito acadado pola formación nos seus máis de trinta anos de vida, con trece discos gravados e un éxito de vendas sorprendente nun grupo sen promoción ningunha e alleo a elites culturais ou sesudas críticas musicais, leva tempo mostrando como os gustos musicais escapan ás veces aos seus analistas. Especialmente, cando a música se fai, -e se escoita-, co corazón. 

Nesta ligazón podedes ver o programa Alalá dedicado á Roda hai un ano. Embaixo deixámosvos un extracto dese programa, atopado no youtube.




Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.