Reproducimos a información da Asociación de Gaiteiros Galegos das presentacións da súa última publicación, "Son do Fol", o primeiro método infantil de iniciación á gaita galega que permite adiantar o ensino deste instrumento aos 6 anos en lugar dos 10, que era a idade máis habitual. A primeira delas, o vindeiro mércores en Compostela.


Xaime Estévez, autor de “Son do Fol” será o encargado de facer as presentacións do libro, que de seguro se convertirá nunha ferramenta que fará que centos de nenos e nenas se acheguen á música e a cultura tradicional galega para quedar con ela o resto das súas vidas.

O libro ofrece ao profesorado unha ferramenta que ata agora non existía para achegar aos nenos non só o mundo da gaita, senón tamén da cultura tradicional. O libro é tamén un caderno de actividades e contén un CD de apoio con partituras, audicións e vídeos.

Ten un repertorio moi escollido, con cancións do folclore galego para podelas cantar, e inclúe tamén actividades, anécdotas, formas de fabricar un instrumento, datos sobre algúns dos músicos populares galegos, adiviñas, cancións e algo de linguaxe musical.

A idea pedagóxica orixinal de Xaime Estévez complétase co deseño de Ramón Marín que o fai moi atractivo para os pequenos.

As presentación serán en:

Santiago de Compostela:

Mércores 24 de Outubro no Consello da Cultura Galega - Auditorio. 19.00 horas.

Vigo:

Martes 6 de Novembro no Conservatorio Profesional de Música - Biblioteca. 20.00 horas.

Pontevedra:

Sábado 1 de Decembro no Culturgal – Salón. 12,30 horas.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.