Juan Carlos Fdez Fasero deixa a AGADIC para se incorporar ao proceso de "socialización" e mellora de imaxe que a Sociedade Xeral de Autores vén desenvolvendo desde que Antón Reixa foi elixido presidente. As asociacións do sector valoran o paso de Fasero pola AGADIC recoñecendo de xeito xeral o seu labor de interlocutor pero insatisfeitos pola total falta de apoio da Xunta ás industrias culturais.

A saída de Fasero da AGADIC provoca incerteza na Asociación Músicos ao Vivo. Malia recoñeceren que Fasero se mostrou receptivo a falar de temas como a normativa da Rede Galega de Música ao Vivo, -co obxectivo de conseguir unhas condicións de traballo minimamente dignas para as e os músicos participantes-, dubidan do futuro da axencia. Outras asociacións do sector da cultura consultadas polos medios falan de xeito semellante. Trato correcto e interlocución fluída pero o lastre da política de recortes e o suicidio orzamentario provocado pola Cidade da Cultura non permiten unha valoración positiva. Probabelmente, Fasero viuse maniatado por un descoñecemento da industria cultural que el mesmo sinalaba nun artigo publicado no Diario Vasco o ano pasado. Nel fala de labor de "apostolado" para convencer o goberno da Xunta da importancia económica do sector. Por desgraza, os gobernos populares téñense caracterizado máis por espallar unha imaxe dunha cultura deficitaria que só vive de subvencións ca por se deteren a ler os datos dun sector que ocupaba máis de 17.000 persoas no 2011, representando un 2% do PIB galego.

Por outra banda, nunha entrevista concedida a Europa PRESS o músico e político ourensán afirma afrontar "ilusionado" a súa nova etapa profesional á fronte da SGAE-Noroeste, co obxectivo de "socializarla" e mellorar a súa imaxe ante a cidadanía. Fernández Fasero sinalou que se formula o seu novo cargo con "moita ilusión e con ganas de traballar en favor dos autores", un colectivo ao que el mesmo pertence.

Fasero incorporarase en novembro á SGAE Noroeste coa intención de continuar o proceso de "socialización" da Sociedade Xeral, achegándoa á poboación e mellorando a súa imaxe de cara á cidadanía, que actualmente "non é todo o positiva que debería ser". Así mesmo, seguirá apoiando a formación e a organización de eventos na "magnífica sede" que a SGAE ten en Santiago de Compostela, e á que tratará de sacar o "máximo rendemento". Non obstante, na súa xestión non lle esquecerá a parte económica, condicionada pola crise económica, e orientará os seus esforzos a "optimizar unha parte importante dos custos". Tras a súa etapa xestionando os recursos públicos da Agadic, onde tamén tivo que "enfrentatse" á redución de recursos pola crise, Fernández Fasero enfrontarase ao "reto" de "procurar optimizar os gastos para que os socios sigan percibindo o diñeiro que percibían".

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.