Todo comezou no Mesón do Bento. No improvisado camerín da Josfer algúns dos convidados á presentación do Vaise Armar dos Zënzar pensaron que o 25º aniversario da banda era o momento de lle facer un disco tributo. E decidiron que ademais ía ser unha sorpresa. Así foi. Onte desvelouse o segredo mellor gardado do rock galego e Vai polos Padriños! , o disco tributo aos 25 anos de Zënzar, foi presentado. Ao público e tamén aos abraiados homenaxeados. No interior deste artigo podes escoitar o disco íntegro!

Xa está aquí o tributo a Zënzar. 19 temas compoñen o disco, interpretados por 18 bandas cos Machina repetindo, nun tema a maiores, coa versión acústica do Cheira mal. Este Vai polos padriños! non é, -nin máis nin menos-, que a mostra de cariño do rock galego para un grupo que é referente ineludíbel para quen fai rock na lingua do país neste século XXI. Son 18 bandas e podían ser moitísimas máis. A idea de sorprender a Zënzar cumpriuse estrictamente e a discreción fixo que moitísimos grupos non se chegasen a enterar a tempo do que se argallaba. Porén, fican estes 18 en representación das moitas persoas que admiramos fondamente os Zënzar.

Como as propias bandas din, tras 25 anos de resistir na palestra se presenta este tributo no que participan Machina, Deseqilibrio Mental, Invivo, Som do Galpom, Nao, Ruxe-Ruxe, Pito de Pikasso, Balbordo Público, Compañía do Ruído, MeDoMedÁ, Mr. Kamándula, Raiba, K-Raxe, Chícharo Psicótico, O Jallo Light, Os tres Trebóns e os homes sen medo, Dios Ke Te Crew e Secho e os Invisibles.
A produción executiva correu a cargo de Iago Pico, V. Neira e Mario César. Os temas foron gravados nos estudos Pousada Son de Ames, Mafia Records do Carballiño, Océano Estudio de Gondomar, na de Alfredo de Chaián-Trazo, Casa do Rock de Luou-Teo, na Casita en Riveira, en Edisco da Estrada, no Rapapoulo Estudio de Ordes, nos Estudios Amil da Coruña e nunha Casa Calquera en Compostela, cun impecable deseño realizado por arinspunk.com.

Aquí tedes catro temas e NESTA LIGAZÓN podes escoitar o disco íntegro.

{music}images/stories/descargas/Zenzar/tributo{/music}



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.