O novo traballo dos do Barbanza, Jard Rock con Fe, será presentado na mesma sala de Ordes onde reapareceron o anos pasado. Despois do regreso triunfal do 2012, comezado co histórico concerto de volta na LP-45, Heredeiros da Crus decidiu entrar no estudio para gravar o que será o seu noveno traballo, do que xa podes escoitar un adianto, A Duquesa de Poi. O traballo completo, á venda o mesmo día que se ha presentar en Ordes, o 24 de maio.

Nunha rolda de prensa celebrada a pasada semana en Compostela, os membros do grupo de Ribeira anunciaron os detalles do que será o seu noveno traballo discográfico, que se publicará o día do concerto.

Novo disco e novo concerto na discoteca LP-45 de Ordes. Os Heredeiros da Crus déronlle aos seus fans estas e moitas outras boas novas nunha rolda de prensa celebrada no hotel NH Obradoiro de Compostela. Tucho, Javi Maneiro, Tonhito de Poi, Fran Velo e Manu Rey, os membros da mítica banda de rock de Ribeira que nos anos 90 revolucionou a música galega, acompañados de Xosé A. Touriñán como produtor executivo e responsable de Airapro, anunciaron os detalles do seu inminente novo disco, que presentarán o vindeiro 24 de maio na discoteca LP-45 de Ordes (A Coruña), nun concerto que se prevé multitudinario e para o que xa se poden mercar as entradas (sairon á venda o venres 26 pola mañá).
O que será o noveno álbum na carreira discográfica de Heredeiros da Crus titularase Jard Rock con Fe e manterá intacto o espírito roqueiro e gamberro que iniciaron os de Ribeira hai xa máis de 20 anos: letras irreverentes, linguaxe desenfadada e 100% galega e, sobre todo, moito, moito rocanrol. Comezando polo primeiro single do disco,  A Duquesa de Poi, un temazo cañero e cun toque glam que conta a historia real de Manuela, a avoa de Tonhito de Poi (a mesma que protagonizou a emblemática portada de A Cuadrilla de Pepa a Loba), unha brava muller que na posguerra se enfrontou ás autoridades locais do Barbanza mofándose dun político local con moito humor… e un cocho de por medio.



O 24 de maio  os fans de Heredeiros podedrán tocar coas súas propias mans o esperado novo disco da banda–o primeiro traballo de estudo da banda despois de 10 anos--. Ese día os Heredeiros da Crus ofrecerán un concerto que promete ser memorable e para o que as entradas xa están á venda (desde o venres pola mañá) por internet a través de airapro.com e partir de hoxe, luns 29 de abril, en varios puntos de vendas físicos en Galicia detallados na páxina web da banda. Na entrada estará incluído –obrigatoriamente-- o disco, por un prezo total de 25 euros (10 euros a entrada + 15 euros o disco). As expectativas para o concerto son moi altas tendo en conta o rcital ofrecido na mesma sala hai pouco máis dun ano, en marzo de de 2012, con motivo do regreso aos escenarios da banda logo de oito anos separados. Daquela a discoteca LP-45 quedou pequena para os milleiros de fans que non quixeron perderse o concerto e que, de feito, esgotaron as entradas en menos dunha semana. Desta volta, o aforo será un pouco máis reducido para garantir a comodidade do público.

Jard Rock con Fe gravouse durante o mes de marzo entre os estudos Bruar da Coruña e, sobre todo, as instalacións da Escola Municipal de Música de Boiro, á que os Heredeiros agradeceron a súa colaboración durante a rolda de hoxe. A produción musical asinouna un dos músicos e produtores con máis prestixio a nivel español, Juan de Dios Martín, que xa ten traballado con artistas da talla de Amaral, Deluxe ou Enrique Bunbury.

Aínda que como é habitual nos discos de Heredeiros a maior parte dos temas do disco son composicións do guitarrista, Tucho, no Jard Rock con Fe tamén haberá pezas escritas por outros membros como o vocalista, Javi Maneiro, ou por todos os Heredeiros en conxunto, temas que surxiron nos últimos meses, nesta nova etapa do grupo que comezou hai xa máis dun ano, cando os de Ribeira anunciaron o seu regreso aos escenarios logo de oito anos separados.

{fcomments}

AO VIVO