O disco Magnético Zen, de Xoán Curiel, foi distinguido co premio ao mellor álbum en galego nos V Premios da Música Independente. «É un momento importante na miña carreira», apunta o artista, que describe o galardón como «recoñecemento ao traballo duro de varios anos» e agradece tanto a distinción como o labor dos artistas que colaboraron con el e fixeron posible o traballo. Estes premios, de ámbito estatal, entrégaos a Unión Fonográfica Independente, entidade constituída hai xa unha década para representar a produción fonográfica diante das institucións e organismos de todo o mundo. No apartado de mellor disco galego do ano, alén do de Curiel había outros traballos como os de Terbutalina, Uxía, Sérgio Tannus ou Telephones Rouges.

Para Xoán Curiel, «é un pracer» ser distinguido pola produción fonográfica independente, pois trátase «un labor xordo do que non se ten noticia, que non ten tanto glamour» e que obriga a moito traballo. «Eu son a miña produtora, a miña discográfica e a miña axencia de management», resume. De feito, só intervén outra empresa, Inquedanzas Sonoras, na distribución dos discos, e colaborou puntualmente con axencias ou produtoras como Nordesía, Imperdible Servizos Culturais ou Non Si.
Curiel salienta a gran calidade das propostas coas que concorría, o que lle dá «máis valor se cabe» ao premio. «Están Telephones Rouges e Terbutalina, aos que aínda non tiven oportunidade de ver en directo, e os meus queridos Uxía e Sérgio Tannus, con traballos tan intensos como Andando a Terra ou tan bonitos e divertidos como María Fumaça», apunta.
Após recibir o premio, o próximo concerto de Xoán Curiel será o vindeiro 9 de agosto en Carballo, e aproveita para reivindicar a música galega e pedirlles ás organizacións dos concertos que lle dean unha oportunidade «ao que teñen máis perto, as nosas creacións, porque poden levar agradables sorpresas».
Por último, lembra que seguirá traballando nos diferentes proxectos que mantén abertos: Novas, a promoción de Magnético Zen e o inminente Tres Mares, con Joseba Gotzon e Josep Teró, que verá a luz en forma de disco a finais deste ano.

{fcomments}


AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.