O Concerto de Nadal 2013 da Universidade de Vigo será hoxe o marco no que se presentará o cuarto traballo da orquestra folk Sondeseu. A cita é ás 20:30h no Centro Cultural Novacaixagalicia e para a estrea de 'Danzas Brancas' Sondeseu contará no escenario do vello García Barbón coa colaboración da ACF O Fiadeiro, Kepa Junkera e Rushad Eggleston. A entrada é con invitación, que se pode solicitar no Campus de Vigo, na Vicerreitoría de Extensión Universitaria.
Danzas Brancas é o cuarto traballo de Sondeseu Orquestra Folk de Galicia que segue a liña iniciada polos anteriores traballos cun indiscutible selo de calidade, innovación e proxección da música de tradición oral dende a perspectiva da creación colectiva.
Este novo traballo contén temas de músicos galegos de recoñecido prestixo vinculados á propia orquestra como Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz ou Rodrigo Romaní, ou a colaboración de Kepa Junkera que nesta ocasión se funde cos máis de cuarenta instrumentistas que forman a primeira orquestra folk de Europa.
Danzas Brancas é unha evocación da tradición personificada nun tipo peculiar de danza vinculada ás celebracións relixiosas con forte influenza de elementos paganos anteriores referenciados mesmo na idade media. A gravación reflicte con fidelidade o ambiente e a enerxía que Sondeseu transmite
nos seus directos, cheos de forza e poder de comunicación.

{fcomments}