A presentación do novo disco de La Tarrancha, 'Mezillingües', -hoxe, sexta-feira 21 de febreiro, coincide co Día Internacional da Lingua Materna. O grupo ástur arrodeuse de moitos collacius procedentes dos 4 recantos da península para lle facer un oco no traballo ás linguas propias das distintas culturas peninsulares. Así, ao carón do asturlleonés -e da súa variante mirandesa- aparecen o aragonés, o occitano, o catalán, o castelán ou o eúscaro, quedando a representación das falas galego-portuguesas na man de Guillerme Ignacio, de Quempallou, Vito Álvarez, de Soncai Sistem, e Andrés Rodríguez Monteávaro de Mezá. Escoita e/ou descarga de balde no interior do artigo.


Co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, 21 de febreiro, o grupo asturiano La Tarrancha estrea a nivel mundial o seu disco 'Mezillingües' a través da rede.
19 artistas, varios tradutores, distintos estudios de son... conexións quilométricas, moito esforzo, dedicación e coordinación foi o que precisou o disco 'Mezillingües' para ver a luz. Ese é o nome do último traballo discográfico da banda ástur de fusión La Tarrancha, un traballo que está gravado en sete linguas da península e algunhas das súas variantes, un proxecto novidoso e probablemente pioneiro neste aspecto até o de agora. A música de La Tarrancha, soa entón neste disco en asturlleonés, aragonés, castelán, català, éuscaro, galegoportugués e occitá, da voz de distintos artistas que utilizan as súas respectivas linguas como medio de expresión. É o caso da colaboración de Jesus Cifuentes de Celtas Cortos en castelán, ou da vasca Inés Osinaga de Gose, a moza aranesa Alide Sans que canta en aranés (occitano), dos aragoneses Gaire que fan o propio en aragonés, dos portugueses Pica Tumilho en mirandés, do galego Guillerme Ignacio Costa de Quempallou, dos leoneses Tarna, do cántabro Raúl Molleda de Gatu Malu, dos asturianos Vito Álvarez (The Soul Factori, Soncai Sistem, Matu Na Cai) e Andrés Rodríguez Monteávaro de Mezá que fan unha versión en galego asturiano... ou de todos e cada un dos cantantes das bandas asturianas Dixebra, N'Ochebre, Misiva, Skontra, Skama La Rede, Adizión Etílica.... que tamén participan neste ambicioso proxecto.


Podemos dicir que é un disco que tende pontes de comunicación entre moitos músicos, pero tamén entre culturas. Xa que a base deste disco é precisamente dar a coñecer a diversidade lingüística existente na Peninsula Ibérica e boa parte do norte dos Pireneos. Por desgraza, non todas as linguas contan cos mesmos dereitos legais recoñecidos, nin co mesmo recoñecemento social, aspectos que condenan miles de linguas a desaparecer en todo o mundo como é o caso do asturlleonés, que está en serio perigo. 'Mezillingües' é un canto á reivindicación da riqueza e a pluralidade lingüística, da pervivencia e dignificación das linguas maternas e do coñecemento e respecto de cada unha delas.
As cancións presentes no disco son algunhas das que xa formaban parte dos anteriores traballos da banda: "Ö-3-3" e "Mezigayuska", nos que La Tarrancha pon a instrumentación e en ocasións a voz e os demais colaboradores poñen o seu toque persoal cantando, facendo deste xeito propios os temas. Tamén podemos encontrar un bonus track 'De Tazones a Candás', versión dalgunhas cancións de bar asturianas publicada recentemente no recompilatorio "Cantares de chigre" de Algamar Producciones
'Mezillingües' vén de ser presentado ao público nun concerto no teatro Lizeo Antzokian de Gernika, en Euskal Herria, onde contaron coa colaboración da aranesa Alide Sans. Acaban de pechar a súa anterior xira "Mezigayuska World Tour" cunha trintena de concertos en apenas un ano, e de momento o grupo vai encerrarse a preparar o seu quinto traballo discográfico polo que non teñen pensado facer moitos concertos. Pero xa recibiron distintas ofertas para presentar o seu novo disco 'Mezillingües', todas elas fóra de Asturias.
O disco que como toda a música de La Tarrancha está libre de SGAE é producido con Licenzas Creative Commons, estará dispoñible dende o día 21 de febreiro na nosa zona de Descargas.


No disco hai versións en todas as linguas da península, mesmo nalgunhas variantes dalgunha delas. As cancións, as linguas e a colaboracións presentes no disco son estas:


OKERREKO BIDETIK. Con Inés Osinaga de Gose. Versión en eúscaro
A NUEITE QUE T'ALCONTRÉ. Con Tarna. Versión en lleonés ou asturiano occidental. Dominio asturlleonés.
CAMBIO. Versión en aragonés con Furo e Chabi, Gaire.
CANTAR X. Coon Guillerme Ignacio de Quempallou. Versión en ghalegho morrasán (bloque occidental, área O Morrazo-Val do Fragoso). Dominio galaico-portugués.
HASTA A LLÚA. Con Vito Álvarez (The Soul Factori, Soncai Sistem, Matu Na Cai) e Andrés Rodríguez Monteávaro de Mezá. Galego asturiano. Dominiu galaico-portugués
CANTA'M. Versión en catalá.
ACOMPANHA-ME. Con Alidé Sans Mas. Versión en aranés. Dominio occitán.
SEMOS. Con Raúl Molleda (Gatu Malu, Estricalla...). Cántabru. Dominio asturlleonés.
OKUPAR. Con Jesus Cifuentes, de Celtas Curtos. Versión en castelán.
QUEI FAZER. Con Picatumilho, de Portugal. Versión en mirandés. Dominio asturlleonés.
QLTIANDO. Versión en asturiano central. Dominio asturlleonés.
con Berto (Skontra), Carlos Garcia Villamil (Adizión Etílika, Skontra, Hemoglovina), Carlos Velasco (N'Ochebre), David González (Misiva), Humberto Sierra (Misiva), Miguel Fernandi (Skama la Rede) e Xune (Dixebra, Soncai Sistem).

Accede á Descarga de 'Mezillingües'


{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.