A formación ribeirense anunciouno hai uns días nunha multitudinaria rolda de prensa no restaurante Galipizza, en Culleredo, que patrocinará o concerto, o 31 de maio ás 20.30 horas na Sala Shoko. Os ‘máis jrandes’ fletarán varios autobuses desde o país para encher en Madrid, que percorrerán o camiño a España en caravana. Á chegada haberá un xantar de confraternización entre os fans procedentes galegos e españois. Na rolda de prensa anunciaron ademais o primeiro concerto no Barbanza logo do seu regreso aos escenarios en marzo de 2012: aínda que sen pechar polo momento, o máis probable será que se celebre entre xuño e xullo.


Unha hora antes xa comezaban a chegar ao restaurante Galipizza, en Culleredo, os primeiros fans dos Heredeiros da Crus, que prometeran nas redes sociais agasallos para os vinte primeiros (levaron unha camiseta cun deseño exclusivo). Sobre as once e media chegaban os protagonistas, e no local eran todo rumores sobre o que os máis jrandes tiñan pensado anunciar: un concerto en Madrid, pero non un concerto calquera.

“Xa estivemos en Madrid, e xa triunfamos en Madrid, pero despois de tantos anos temos agora algo novo que ensinar na capital, e son os mellores fans do mundo”, asegurou Tonhito de Poi. Por iso, os Heredeiros, coa colaboración precisamente de Galipizza, preparan toda unha excursión en vintecatro intensas horas para a que están citados os seguidores da banda de Ribeira: viaxe desde Galiza en autobús, xantar de confraternización cos fans residentes en Madrid, gran concerto e volta a casa.

Os prezos, en diferentes bonos: entrada e xantar a 32 euros, entrada e bus a 40 euros, e entrada con xantar e bus a 55 euros. Para quen prefira asistir só ao concerto, a entrada terá un prezo de 12 euros na modalidade anticipada e de 18 euros en taquilla.

Froito da colaboración con Galipizza os autobuses farán paradas na autovía nas que os fans poderán degustar as pizzas e hamburguesas deste restaurante, que tamén servirá a cea na propia sala do concerto á noite.

As entradas en todas as modalidades están xa á venda en tenda.airapro.com, e desde a semana próxima estarán tamén dispoñibles en Galipizza (Culleredo), Nikis Galicia (Santiago de Compostela) e Senave Pinturas (Ourense).



Colaboración coa orquestra Panorama


A rolda de prensa desta mañá serviu tamén para que os Heredeiros poideran adiantar outras novidades relativas á súa actividade os próximos meses. Unha delas, a colaboración no novo disco benéfico da orquestra Panorama, cun tema inédito,‘Buscando la superfama’.



Primeiro concerto no Barbanza desde o ‘rejreso’


Por último, a formación ribeirense deu unha das noticias máis agardadas polos seus fans: este verán haberá un concerto no Barbanza, unha das grandes demandas dos seguidores dos Heredeiros da Crus, que non teñen ocasión de ‘josar’ cos seus ídolos na súa terra desde hai máis de dez anos.

Aínda que a localidade non está pechada, o concerto terá lugar, con toda probabilidade, entre os meses de xuño e xullo, e o prezo da entrada será de 10 euros, precisamente para favorecer a asistencia de público.


Polo demais, os Heredeiros aseguraron que a súa produtora está traballando en máis datas, xa para o verán, nas que pretenden seguir demostrando que están completamente en forma, e sobre todo, que seguen sendo a proposta musical e de espectáculo con máis capacidade de convocatoria en Galiza.

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.