Esta fin de semana, até 5 formacións do país, Sés, Talabarte, Davide Salvado Trío, aCadaCanto e Espido, racharán o telón de grelos para levar as súas propostas por Europa e mesmo África. Londres, París, Berlín e Harare serán as 4 capitais nas que se poderá gozar coa música galega ao vivo. Chimpando por riba do desinterese -cando non directamente da belixerancia- que no Imperio Pequeno adoitan ter coas propostas que empreguen outras linguas ca o español  ou o inglés, a música galega prosegue o seu camiño.


Hai unha teoría, a Teoría da Continuidade Paleolítica (TCP), que vén dicir, entre outras cousas, -apoiada na lingüística, a arqueoloxía e outras ciencias- que a crenza xeral de os celtas viren do leste de Europa é falsa. Segundo a TCP,a cultura celta puido comezar na Galiza e desde aquí esparexerse por todo o continente. Sexa certo ou non, case 3000 anos despois, as hordas musicais galegas aproveitan que a primavera derrete a neve nos cumios e abre de novo os pasos cara ao continente para viaxar cara ao leste e mostrar as súas credenciais nas capitais senlleiras da UE. Así, este sábado 26 en Berlín, Talabarte (trío formado por Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García) e Davide Salvado Trío estarán no jazzclub Dorflinde, unha das institucións musicais dentro da world music en Berlín. Na propia web do club, dorflinde.de, podes atopar máis información sobre o concerto, se é que les isto desde terras teutonas e queres unha sobredose de boa música e saudade.



Un día antes, isto é mañá venres 25 de abril, Espido estarán en París. Nun concerto organizado polo Centre d'Études Galiciennes de Paris e con entrada gratuíta o dúo galego actuará ás 6 da tarde no AMPHITHÉÂTRE D02 (bâtiment D, campus CENSIER), na rúa Santeuil da capital francesa. Para Guillerme Fernández non será a única experiencia internacional dos vindeiros días, pois desde Francia partirá cara a Zimbabue, onde unha outra formación galega aCadaCanto, participa no HIFA 2014, que se celebra estes días en Harare, capital de Zimbabue.


E para rematar coas aventuras internacionais da nosa música para este final de abril, Sés andará polo Trangallán londinense o vindeiro luns 28 ás 20:30h, con entrada a 5 pounds. Pódense reservar no mail Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. E por certo, o nome non é un "falso amigo". Ese Trangallán é tan galego coma a propia Sés. É un restaurante rexentado por un galego, Xavi, que leva un tempo curando saudades en Londres. A coruñesa tamén estará ao día seguinte, martes 29, ás 19:30h, no Portobello Launderette, cun showcase de balde.

{fcomments}