Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica de Galicia presentaron a pasada semana o proxecto común en que colaboran na actualidade, Torre de Breoghán.  A obra estrearase no Palacio de Ópera da Coruña os días 21 e 22 de xuño e logo comeza unha xira por España e Europa. Luar Na Lubre rescata un relato épico da cultura celta para dar forma a un espectáculo onde música e efectos visuais se fusionan.

O día 25 de abril presentouse no Concello da Coruña o novo proxecto de Luar na Lubre coa Orquestra Sinfónica de Galicia que se estreará no Palacio da Ópera da Coruña os vindeiros días 21 e 22 de xuño. Trátase de ‘Torre de Breogán’, un ambicioso proxecto que inclúe un espectacular directo que recrea unha ancestral historia épica con A Coruña, Galicia e Irlanda como protagonistas. Unha viaxe única a través da lenda dos Milesians a bordo dunha nave mecida pola música.

O proxecto foi presentado pola tenente de alcalde de Cultura da Coruña, Ana Fernández; o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero, e o xerente da OSG, Andrés Lacasa. Para Romero trátase dun “soño cumprido, un proxecto inspirado na historia da nosa cidade cunha das mellores orquestras españolas e europeas. Trátase de ofrecer calidade a través da maridaxe de dous referentes galegos a nivel musical”.

Este concerto xirará por España e por Europa con outras orquestras e terá unha versión CD e tamén un filme dirixido por Jorge Coira. Os arranxos corren a cargo do músico coruñés Nani García, a dirección musical a cargo de Diego García, a escenografía é cousa de Franc Aleu (compañeiro de viaxe de La Fura dels Baus) e o deseño, de Estefanía Cagigao.

A ruta dos Milésians

Coma se dun marabilloso descubrimento arqueolóxico se tratase, o grupo folc Luar Na Lubre rescata un relato épico da cultura celta para dar forma a un espectáculo onde música e efectos visuais se funden nunha especial alquimia. ‘Torre de Breoghán’ será un acontecemento musical inédito, unha versión orquestrada do mellor da banda galega, coa Orquestra Sinfónica de Galicia como acompañante de luxo.

A historia que narra está inspirada no libro Leabhar Ghabhala Eirean (Libro das Invasións), un documento excepcional recollido da tradición oral irlandesa e transcrito polos monxes cristiáns desta illa no século XI. Nel relátanse, por orde cronolóxica, as diferentes invasións que foron sucedéndose en Irlanda. A última delas é a dos Milesios, que desde a cidade de Brigantia (actual A Coruña) partiron cara á illa despois de que Ith, fillo do caudillo Breoghán e líder Milesio, a descubrise logo de divisala desde o alto da torre que leva o nome do seu pai, a Thor Breoghán, que podería ser a coñecida actualmente como Torre de Hércules.

Guerreiros, embarcacións, druidas, feitizos... Torre de Breoghán será unha experiencia única e sobrecolledora, unha viaxe mítica para calquera amante da música e da cultura. Luar Na Lubre embárcase nunha nova aventura na súa constante aposta por situar a música folc na vangarda da escena musical contemporánea.

A Coruña, punto de partida

Tal e como explicou Ana Fernández, “para a cidade é unha honra ser o punto de partida desta xira de Luar na Lubre, unha banda coruñesa con máis de 25 anos de historia e máis de mil concertos que é todo un referente do folk a nivel internacional”. Para Andrés Lacasa, xerente da OSG, o proxecto, que “é case unha ópera”, é unha aposta por achegar a música da Orquestra a novos públicos.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.