Nani García volve aos escenarios esta quinta feira co seu emblemático trío de jazz. Será ás 21h cando a Casa das Crechas acolla un concerto de Nani García Trío, que volve á primeira liña da escena musical contemporánea recuperando o seu emblemático trío de jazz, un proxecto co que xa nos anos 80 conseguiu anovar o panorama jazzístico galego.

Con novos músicos e repertorio, pero mantendo a formación de piano, contrabaixo e batería, Nani García Trío vai máis aló dos estándares e da creatividade esporádica propios do jazz convencional para apostar por unha estética integral e contemporánea, que afonda tanto no son das pezas como na execución instrumental.

O repertorio de Nani García Trío é unha mestura de antigos temas, retallos de bandas sonoras e outras composicións de Nani reformuladas en clave de jazz, así como pezas totalmente novas. Todo coa pegada inconfundible do propio Nani García, unha das figuras máis destacadas da música galega e estatal, como compositor, intérprete, arranxista e produtor de todo tipo de formatos e xéneros contemporáneos e de vangarda.

Ademais do piano de Nani, o trío complétase co contrabaixo de Simón García e a batería de Miguel Cabana, dous mestres nos seus respectivos instrumentos recoñecidos a nivel internacional.

Nani García é compositor, músico e produtor musical. Inicia a súa formación musical en composición e jazz en Suecia entre os anos 1976 e 1980 á vez que cursa estudos de lingüística nas Universidades de Upsala e Estocolmo. Ao seu retorno a Galicia forma parte dos diversos grupos de jazz da época. Fundador do grupo Clunia a principios dos anos 80 a súa carreira comezou como pianista de jazz, actividade que mantén alternando coa súa faceta de compositor. Solista, produtor musical, arreglista e compositor, conta cunha longa experiencia nos diversos formatos do medio audiovisual (anuncios, tele series, vídeo exposicións). Autor de bandas sonoras para longametraxes de animación e ficción, obras de teatro, curtametraxes, programas de TV, conta con máis de 100 publicacións entre obras de jazz , producións audiovisuais, producións para outros artistas.

Recentemente no 2010 estrea un concerto para clarinete baixo e orquestra de vento e recibe o encargo de composición dunha obra para a OSG (Orquestra Sinfónica de Galicia). O seu selo persoal queda plasmado en obras do cinema de animación como De Profundis, Engurras ou o recentemente multigalardonado curtametraxe de animación O Xigante o cal o sinala como un dos especialistas no xénero. Desde o ano 2009 dirixe o Festival Internacional de Jazz de Vigo "Imaxina Sons".

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.