A banda, única representante galega no festival, representará o Estado na final internacional do Imagine Festival, o vindeiro mes de decembro en Croacia. Ao se impoñeren na final española, Ivy Moon gaña tamén o dereito a gravar unha maqueta nun estudio profesional e dará unha xira polo Estado. Esta será a primeira edición deste festival dirixido a bandas con compoñentes entre os 13 e os 21 anos na que España terá representación.


O pasado sábado 19 de marzo, Ivy Moon alzouse co primeiro posto no Imagine Festival Spain celebrado en Barcelona. O festival, con 20 anos de andaina, está organizado por Jeunesses Musicals Internacional e por vez primeira se celebrou unha fase estatal. 

Viaxe até Croacia para participar na final, gravación dunha maqueta e xira estatal serán os premios aos que accede a banda compostelá despois de acadar o primeiro posto no festival. Ivy Moon ten apenas 2 anos de existencia, mais xa gravou dúas maquetas e participou en máis de 30 concertos, despois da súa estrea no Brincadeira 2014. Neles, a banda desprega o seu son psicodélico, cunha forte pegada de formacións como os Pixies e unha forza brutal enriba do escenario. Porén, non che fará falla ir até Croacia se queres ver Ivy Moon ao vivo, pois a banda ten programados varios concertos polo país estes días. Só en abril, os composteláns andarán polo Barco -1 de abril, sala Baranda-, por Compostela -7 de abril na sala Moon, xunto aos españois Fizzy Soup-, por Boiro o 9 de abril, tamén xunto aos Fizzy Soup na Pousada das Ánimas e finalmente o 23 por Cervo, na sala Muíño.

Bótalle unha ollada ao que fan ao vivo!

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.