A cita será este venres 1 de abril na sala MalaTesta de Compostela. A banda dirixida por Amil presentará ao vivo o traballo que realizou a requerimento da Mesa pola Normalización Lingüística, musicando en clave de rock, funk, folk e blues once poemas de Manuel María. Ademais de Amil e a Tribo incomprensíbel polo escenario da MalaTesta pasarán os colaboradores do traballo, Xurxo Souto, MJ Pérez, Antón Díaz, Belén Tajes, Bocixa, Paula Romero ou O Leo. Alén de homenaxear o autor das Letras Galegas 2016, a Mesa festexa o seu 30 aniversario con este concerto, ocasión probablemente irrepetible de poder gozar ao completo de todos os músicos que participaron no proxecto. As entradas están á venda en adiantada por 10 € na web da Mesa -8€ para persoas asociadas a esta organización- e custarán 12 € na billeteira da sala o día do concerto.  



Sexta feira, 1 de abril, GZmúsica fai 4 anos. Facemos 4 anos a remexer nas músicas do país, mais este ano non haberá Festa Aniversario. Decidimos, xa que logo, apuntarnos a un outro aniversario que tamén se celebra ese día. Trátase do trixésimo aniversario da Mesa pola Normalización Lingüística. 30 anos xa a loitar pola nosa lingua que a organización vai festexar en Compostela, coa presentación "eléctrica" -despois da acústica en pequeno formato que se fixo na casa museo de Manuel María- do proxecto que a Mesa lle encargou a Fran Amil, un dos nomes senlleiros da música galega dos últimos 25 anos. Alí estaremos, na sala MalaTesta para gravar o concerto presentación deste proxecto encabezado polo polifacético Amil.

Francisco Amil Serantes, (A Coruña, 1971), é un compositor, multiinstrumentista e produtor, na actualidade membro dos Tres Trebóns, Ulträqäns e argallante do proxecto infantil Chuches Amil. O antigo baterista dos Papaqueixos dá agora tamén vida ao proxecto Fran Amil e a tribo incomprensíbel, a requerimento da MESA Pola Normalización Lingüística. A encarga consiste en musicar once poemas do poeta lugués Manuel María, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.

Fran Amil dirixe e coordina un proxecto no que traballa cos músicos Paco Cerdeira (guitarras eléctrica e acústica; bouzuki; ukelele e coros; técnico de son e coprodutor); Aarón Bouzón (EWI 4000 e teclado); Álex Bardanca (baixo eléctrico); e Ricardo Casás (trompeta; clarinete baixo; saxos alto e tenor).

No libro-disco, ilustrado por Jano, aparecen algunhas das voces máis relevantes da música galega contemporánea, como: Xurxo Souto (cantante de Tres Trebóns; Os Diplomáticos de Monte Alto); Antón Díaz (Os Papaqueixos; Ulträqäns), Belén Tajes (Voodoo Project), MJ Pérez, Paula Romero (The Vacas; A Gramola Gominola), Bocixa (Zënzar) ou O Leo (O Leo e Arremecaghona; Labregos do Tempo dos Sputniks)

SINOPSE do espectáculo A voz do vento, de Fran Amil e a tribo incomprensíbel

A palabra de Manuel María recibe homenaxe público no ano 2016, no día das Letras Galegas. Fran Amil e a tribo incomprensíbel tráennos once cancións que son once pinceladas da obra do autor. Un espectáculo que xunta palabra e música e auna a poesía intemporal do gran autor lucense e a potencia da música contemporánea, vestida de blues, rock e pop. Un espectáculo sen data de caducidade.

Aínda estás a tempo de mercar a túa entrada adiantada na web da Mesa.

Sala MalaTesta - Compostela

1 de abril. Apertura de portas - 21:30h.

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.