Onte, mércores 22 de febreiro, as Ezetaerre ceibaron na rede os oito videoclips dos oito temas que compoñen Aspiracións mínimas e urxentes. Nin máis nin menos. Oito trallazos na liña que marcaba a maqueta coa que se deron a coñecer hai apenas un ano, hip-hop de letras e espírito combativo acompañadas de oito fantásticas pezas audiovisuais. Gozade delas!

Nunca antes na música galega, de feito até onde nós sabemos tampouco noutras latitudes, unha banda publicara nun mesmo día oito videoclips. Eis o xeito das Ezetaerre para nos apresentar o seu novo traballo, Aspiracións mínimas e urxentes. (Que podedes descargar AQUÍ) Estade moi atentas a esta banda, pois despois de triunfar cos temas da súa maqueta dan un gran paso adiante co novo disco, moito máis traballado, que as consolida como unha das mellores bandas novas do país. Aquí o espectacular despregamento de música e talento que se marcaron no seu novo disco. 

Ah! E lembrade que o presentan o 3 de marzo na Capitol acompañados dos Nao.

Aquí vos quedan os oito videoclips cos textos con que a banda os acompañou nas redes:

Dicimos que as Aspiracións mínimas e urxentes son tan antigas como a propia inxustiza e por iso tocaba comezar por Latinoamérica. Máis de cinco séculos de saqueo ininterrompido encheron o continente da forza que precisamos para avanzar, sen perder o sorriso, cara a vitoria.

Moitas de vós xa a escoitastes e algunhas ata a cantantes no Candeloria connosco. Aquí o buque insignia das Aspiracións mínimas e urxentes!

A situación de miseria e empobrecemento global non dá marxe para medias tintas ou para xogar á equidistancia. Toca mollarse e encherse de mofa e sarcasmo para o combate. Desculpen as mencionadas: isto é loita de clases, non un clube de amigos.

Somos novas e precarias, de aí vén a nosa necesidade de organizarnos. Móvenos a nostalxia, o amor, a amizade, a familia... a vontade de construír unha sociedade rexida por outros valores. Temos moi claro que non imos decaer na nosa loita. Júlia e Juan, man a man, como parte das mozas desposuídas que, no medio da barbarie, son a esperanza.

Rematamos facendo rap porque este se constituíu como ferramenta para a loita, pero os nosos referentes van máis aló. Cando aparecen ritmos folk pode que teñan que ver con Pedro, mentres que os máis acelerados son cousa de Juan e a esencia rapper, do Miguel (aínda que a estas alturas xa é probable que todo teña moito que ver con todos). Somos eclécticos como diversas son as influencias coas que construímos as nosas reivindicacións.

Imaxina que vas cara á escola e es detida a punta de fusil, ou que xogas ás agochadas entre os cascallos do que foi un fogar. Imaxina que intentas fuxir desa realidade e chocas contra un muro imposto, ou que es acusada de terrorista por querer vivir segura no teu propio país. Esta é a historia de Amir, pero tamén de moitas outras nenas obrigadas a vivir nun constante medo e nunha interminable inquedanza; unha canción de quen tivo que medrar a marchas forzadas, pero que segue a soñar cun futuro de paz, lonxe dos tanques e das balas. Que viva a nosa loita, que viva Palestina.

A droga é unha gran aliada do sistema, unha arma moi eficaz para eliminar ás voces discordantes. Aquí van catro relatos protagonizados por catro caras anónimas, todas vítimas da incomprensión e do silencio.

Esta é unha canción que sae da enorme escala de grises que hai entre o branco e o negro, do espazo a construír entre as falsas promesas de baixar a lúa e a falsa liberdade que agocha a dor. Damos a volta á lúa para recoñecer as emocións, a vulnerabilidade e a vontade de conexión entre persoas baixo a empatía de saber que as relacións producen afectacións. Despedímonos por un tempo, pero voltaremos da lúa.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.