A Gramola Gominola, abandeirados do Kindie Rock nacional, han presentar o vindeiro 1 de abril en Pontevedra o seu novo espectáculo, Cancións para desafinar. A nova proposta ao vivo da Gramola está baseada no libro-disco homónimo que lles vai publicar a Editorial Galaxia este mes de marzo na súa colección Sonárbore. A Gramola volve escoller o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para apresentar o traballo, do mesmo xeito que fixera hai 2 anos co seu disco de estrea. Xa sabedes, para a boa música non hai barreiras nin idades así que...TODAS A ROCKEAR COA GRAMOLA GOMINOLA!

O 1 de abril, ás 18:30h, o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a estrea do novo espectáculo da Gramola Gominola. Será dentro dos actos do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra onde a banda de música para crianzas -de calquera idade- nos trae este seu segundo traballo, cheo de cancións para desafinar. Música desenfadada para bailar a ritmo de rock, funk, gospel ou punk. Porque non hai idades nin barreiras para a música, como non cansan de dicir e de demostrar con música desde a Gramola.

A HISTORIA DA GRAMOLA

A historia dA Gramola Gominola é un conto que comeza uns anos atrás. Entre guitarras, rock, paixóns e desvelos pola música (como non podía ser doutro xeito!). Paco Cerdeira daquela xa andaba con Zënzar e propuxo crear un grupo de música pensado para os máis cativos da casa, (e os non tan cativos!).

E foi entre os ensaios e concertos de Zënzar cando a idea de crear unha banda de rock para nenas e nenos comeza a escribirse. Porque… se os grandes teñen música con ‘xeito’ por que as pequenas e pequenos non poden berrar un ‘HEI, HO, LETS GO’ sen importar a idade?

A idea quedou un tempo na neveira, outros proxectos, outras ideas foron nacendo en paralelo e, grazas a elas, á casualidade e ao destino as pezas do crebacabezas foron encaixando. Un dos primeiros en unirse a ese berro foi Anxelo de Xermar (baixo) pero aínda lles faltaba camiño por andar. Un día apareceu Ro Muñoz (batería) para xogar á billarda. Pero logo de ver o dominio que tiña das baquetas, souberon que el tiña que unirse ao proxecto xunto coa súa billarda. O crebacabezas estaba case finalizado pero aínda lles faltaba unha peza crucial, o cromo que nunca toca para rematar o álbum, a chapa coa que sempre gañas o xogo… a cantante.

Pero de súpeto, nun concerto, unha rapaza morena cunha longa trenza comezou a cantar. Cantou, cantou tanto e tan ben que Paco, Anxo e Ro ensináronlle o crebacabezas por se ela, ao mellor podía atopar a peza que faltaba. E así foi, atopouna. Paula Romero (voz) encaixou perfectamente nesta historia musical.

VÍDEO-RESUMO DA PRESENTACIÓN DA GRAMOLA NO SALÓN DO LIBRO INFANTIL 2015

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.