A pesar do pulo de Ponteareas nos últimos tempos, para falar de hip hop na Galiza hai que falar de Ordes. A vila coruñesa viu nacer a Dios Ke Te Crew, a banda de rap máis grande que ten dado este país, e moitísimos outros proxectos que naceron ou nacen, as máis das veces, ao acubillo da crew DKTC ou dalgún dos seus membros. Este é o caso da Nación Quilombo de García Mc, nova banda da que nos fala o Vituco Neira neste artigo, e que prepara xira por salas do país esta primavera.

García é de Ordes e iso xa é moito dicir falando de rap en galego. Lembro aqueles anos de Papaluz, de Kronos, de Carpe Diem, de Carteleira, de Bruxas, daquel escuro Matadeiro con mesa de billar vermella, máis tarde, templo de Badulake e badulakes de espíritu irreductible e rockeiro con Mario Zenzar facendo boa aquela “Tiven un bar” dos Padriños de Cerceda. Lembro noites de rock a esgalla, as tapas do Orella, a marcha da vila, a LP45 e coches cheos de rapazada facendo a ruta do grelo con ganas de festa. O Nunca Máis, os concertos de Zenzar, Machina, Ging Tonics, Lady Croft, de Kastomá, o da ruta do grelo é cousa deles. Lembro o Chícharo Psicótico, a Cona Ye-Ye e a saber de quen me esquezo.


Tamén a primeira vez que vin a Ghamberros, dúo rapeiro con García e Jamas, que aínda sendo uns mozos foron quen de crear aquel “estranxeiros” que aínda a día de hoxe pasa por ser un dos mellores temas escritos en galego da nosa historia. Lembro aos 5 Talegos, a Mou, a Sokram, a Padre Murdock, a Siño, a Croma, todos eles xermolo dunha crew única, xenial e irrepetible para a historia da música galega contemporánea: Dios Ke Te Crew. Eles co seu disco “Xénese” romperon o molde, cambiaron o paso da música cantada en galego e ensináronos que o século XXI xa estaba aquí e que tamén na nosa música eran tempos de neuronas espabiladas e linguas afiadas. Que a poesía, a rima e os mestres de cerimonias, os M.C., eran tamén deste noso curruncho do mundo. Se Chuck D fose galego faría rap en Galego e dispararía palabras rabudas coas bases do Mou e co pé de Sokram e Jamas falando dos “herdeiros da ditadura” e da repugnancia dos que din Sanjenjo, Arines, Órdenes ou Boimuerto, abofé que si. E alí tamén estaba García. Abaixo e de pé e lembrándonos aquelo de que só os peixes mortos seguen a corrente. Se en Ghamberros era un mociño de voz doce impregnada de utopía e ansias de mudar o mundo, en DKTC xa era un activista da palabra, da contracultura cos pés no terrón galego pero coa cachola nun mundo global. As súas viaxes a México e aos universos subterráneos de Chiapas mudáronlle a maneira de ver o mundo e cambiárono para sempre. Alí rapeou en galego e no que fixo falta facendo callo no ideario vital, nas cordas vogais, nas mans e tamén no lombo. O rap en Ordes pasa dos 20 anos e García estivo sempre en primeira liña. Tamén co seu último traballo en solitario ao abeiro da Crew e dos ecos do seu amado Celso Emilio, tamén compartidos cos seus Labregos do tempo dos Sputniks, pero ese xa é outro conto.  E así chegou o día no que decidiu mudar a denominación de orixe Ordes pola de Quilombo.

Eis o último vídeo que sacou Nación Quilombo, a finais de 2017

El conta que todos os cambios son duros e que camiñar fóra da  Crew non é doado pero que o corazón manda pedindo novos carreiros e ante iso nada hai que facer. Así nace a Nación Quilombo, para darlle acomodo a un García máis íntimo e persoal aínda que tamén máis bailable e cantable. No Quilombo, nese lugar onde os escravos se reúnen para artellar comunidade, comunicación e trazas de nova vida con ventos de liberdade, esperanza e ilusión. Unha nación barco onde navegar en busca dun faro entre Ordes e Cabo Verde, entre Muros e Kourou, entre Nigrán e Brighton Beach, entre Compostela e Puerto Arista integrando diversidade rítmica, orgánica, sónica, métrica e sobre todo moito corazón. A Nación Quilombo expándese polo mundo. O García Mc, rapeiro da terra goberna a nave en busca de portos onde amarrar e aloumiñarche o sistema emocional. Un novo proxecto que arranca polos mares da nosa música co ánimo de derrubar cancelas alén das nosas fronteiras. Benvida á Nación Quilombo.


DATAS XIRA POR SALAS 2018

23/03 A Pousada Das Ánimas, BOIRO

31/03 Garufa Club, CORUÑA

14/04 Sala Rebullón, MOS

27/04 Sala SUPER 8 FERROL

28/04 Club Clavicémbalo, LUGO

05/05 Sala Malatesta, COMPOSTELA

02/06 Salason CANGAS



TEXTO: V. Neira (publicado previamente en papel no FdC)

FOTOS: Nación Quilombo

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.