QUE SON
Esta iniciativa parte dun grupo de músicas mobilizadas coa traxedia vivida polas galegas e galegos nos lumes de outubro e vai en solidariedade con todas as persoas afectadas.
Nos CExMV pode haber música, maxia, humor, contos… e calquera outra forma de expresión artística.
POR QUE
Os Concertos Expansivos por un Monte Vivo pretenden ademais poñer o foco na raíz do problema: a necesidade dunha política forestal de cara ao rural diferente que axude a erradicar dunha vez para sempre o problema dos incendios forestais no País.
Por iso todos os CExMV comezarán coa lectura dun texto común escrito pola poeta María Lado: o Manifesto por un Monte Vivo.
CANDO E ONDE
O venres 29 ás 20:00 horas
COMO O FACEMOS
A organización dos concertos expansivos será descentralizada e horizontal. Todas as salas, músicas, técnicas se autoorganizarán e traballarán dacordo aos parámetros fixados neste texto.
Os CExMV guiaranse por unha lóxica de #custecero que significa que todas as persoas implicadas procurarán fórmulas de funcionamento que non supoñan gastos económicos para a celebración dos concertos. Así, todo o equipo de PA e backline funcionará baixo a lóxica colaborar e compartir.