Grupo folk nado na cidade das Burgas en 2002, arredor do músico Manuel Brañas, antigo membro de Arco da Vella, e composto ademais polo violinista Leonardo Blanco, o guitarrista Juan Manuel Vázquez, Olga Brañas, piano, o percusionista Aser Álvarez e a cantante Olga Andrés. O sexteto sacou o seu primeiro disco dous anos despois, Camiñantes, (Discmedi, 2004), once pezas onde sobrancea a tradición e que levan como engadido unha pista interactiva cunha actuación do grupo e diverso material sobre construción de instrumentos, zanfona e gaita, ademais de información sobre a reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria. Posteriormente chegaría Alalá do Cebreiro, (PAI Música, 2009), gravado con Segundo Grandío en Casa de Tolos.
Despois de 5 anos de silencio había chegar o que é polo de agora o último disco dos ourensáns. Danza das Burgas (Inquedanzas Sonoras, 2014) é un traballo en que se alternan temas cantados con instrumentais, tradicionais e de autor, de ritmos e ambientes variables. Na gravación do disco, a formación de Brañas Folk foi Manuel Brañas (gaita, requinta, whistle, arpa, zanfona), Ana Dosouto (voz), Leonardo Blanco (violín), Tomás Saiz (acordeón), J. Antonio Blanco (guitarra), Olga Brañas (piano, pandeireta e outras percusións), Eduardo Balvís (baixo) e Aser Álvarez (baterÃía, tamboril e outras percusións). O disco contou cunha interesante nómina de colaboradores, que axudaron a enriquecer este traballo (Guadi Galego, Lucía Pérez, Davide Salvado, Pancho Álvarez, Javier Bergia, Quim Farinha, Pablo Pascual, Segundo Grandío e Xaquín Xesteira).
ESCOITA BRAÑAS FOLK EN DEEZER