Unha das bandas máis sorprendentes do metal galego son sen dúbida os pontevedreses Kathaarsys. Sorprendentes porque poden viaxar do jazz ao hardcore, pola súa contundencia tamén pero sobre todo, sorprendentes por descoñecidos no noso país fóra dos circuítos de seareiros do metal.
Nados das cinzas do grupo Elsenor sobre o ano 2000, os Kathaarsys naceron coma un trío formado por J.L. Montáns voz e guitarra, Marta Barcia, baixo, e mais Adrián Hernández "Krecho", batería. A súa estrea produciuse no ano 2005 con Portrait of Wind and Sorrow, reeditado ao ano seguinte polo selo mexicano Concreto Records e que tivo unha acollida notable no panorama europeo. Dous anos despois publicaron Verses in Vain co cal xiraron por segunda vez polo noso continente. A súa busca continua de novas sonoridades, a evolución creativa do seu proxecto lévaos a publicar no 2008 o seu terceiro L.P. Anonymous Ballad, co que a xira de presentación percorreu Europa e tamén América. No 2010 editaron Intuition, disco co que volven xirar por Europa. No 2011 publican un CD/DVD cun seu concerto na Capitol compostelá ademais de seguir a xirar intensamente polo continente.
O quinto traballo discográfico, Rara vez, xa en formato dúo con Montáns e Barcia ve a luz en 2012 e a partir deste ano a banda frea un chisco o ritmo de discos e xiras en que levaban envoltos nos últimos anos. Así, nesta segunda década do século publican Describing The Paradox Vol.I en 2014, ao que segue Describing The Paradox Vol.II no 2017.
A finais de 2020 anunciaron que estaban a gravar o seu oitavo traballo, que leva por nome Last Signal, mais polo de agora non foi publicado.
Escoita Kathaarsys
ESCOITA MÁIS MÚSICA EN KATHAARSYS.BANDCAMP.COM