Domingo 25 de febreiro deste ano, o cantautor guardés Tino Baz actuou no Salason de Cangas. Antigo membro da Roda -onde entrou por intermediación de Suso Vaamonde- ou do Orfeón Treixadura, o da Guarda deitou un chisco da fermosura das súas creacións na vila do Morrazo. Até alí foi a nosa compañeira S. Murias, acompañada do Nuno, para nos contar e mostrar o concerto.

Hai xa un mes, andou Tino Baz por Cangas. Foi un domingo no Salason, cedo como para poder levarmos as crianças, unha das tantas tardes de chuva que nos deixou este inverno. Alá fun eu, e iso que cada vez me custa máis deixar o acubillo da casa para ir mirar concertos. No verán aínda, mais nestes tempos de frío ten que ser algo tan atraente como un concerto do Tino Baz o que me faga saír da toba. Porque xa vou cansa de cousas que non din nada por moito ruído que metan ou de falabaratos que pensan que a lírica se aprende en titoriais de youtube. Chamaime vella ou repunante, pero tanta parafernalia, tanto selfie co público atrás, tanto “Que pasa, familia?” fanme cada vez menos seguidora do rock galego -así, en xeral, falo dos grupos máis populares- e moito máis fan de propostas, como a de Tino, que a priori están lonxe, no musical e até no estético, dos meus gustos. Eu gosto do punk e non, un ghicho con pucha tipo Kangol e unha zanfona, dun lirismo desatado, non parece moi punk.

Estiven tentada de rematar o parágrafo anterior cun “Mais éo.” que ía quedar moi potente e rechamante, e no século XXI hai que escribir potente, rechamante e, claro, irreflexivo e non encadear frases longuísimas con moito contido. Pero non o fixen porque Tino Baz non é punk. Para min, o punk ten que ser iconoclasta, irreverente e auténtico. E el non é, desde logo, iconoclasta senón todo o contrario, especialmente coa figura de Rosalía, cuxa poesía apareceu, unha e outra vez, ao longo do concerto. E tamén non é irreverente, mesmo é belixerante con quen non mostra o respecto debido. O que si é Tino Baz é auténtico, esa cualidade hoxe tan escasa e que fixo que o comezase seguir desde que o descubrín nun Festival da Poesía de hai xa anos.

Desde aquela, tiven a sorte de me cruzar cos seus concertos en varias ocasións e en lugares ben distintos. Podo fachendear de telo visto cantar a súa Praza liberada na Festa do Avante, convidado a subir a cantar polos Quempallou cos que chegou a colaborar na gravación dalgún disco, ou de telo gozado no bar da miña aldea, tocando para a veciñanza coa mesma paixón coa que o facía para milleiros de persoas en Lisboa.

No seu concerto de Cangas, onde acompañou a súa voz con tambor, guitarra ou zanfona, contou coa presenza da súa irmá, outra prodixiosa voz que colaborou en varios das cancións do concerto. O da Guarda fixo un repaso polo seu repertorio diante dun público numeroso e entregado, todas e todos fieis seguidores do quefacer deste trobador dos nosos días. Rosalía, Bernardino, Celso Emilio,..., a poesía galega foise enfiando na voz tronante e poderosa de Tino, e o público mudaba dun silencio atento e enérxico para pequenas tentativas de armar uns bailes que só callaban naquelas cancións -poucas- que convidaban a danzar. Porque o convite que adoita ofrecer -e de xeito xeneroso- Baz non é o do baile e si o da beleza. A sinxeleza musical das cancións, o profundo da súa voz, as letras sempre escollidas con acerto, crean intres de beleza efémera que as asistentes consumiron, consumimos, con fruición. 

TEXTO: S. Murias

FOTOS: Nuninho (+ FOTOS NO NOSO GOOGLE PHOTOS)



Vindeiros concertos

671759038_18390812491086258_1023473060004002704_n.jpg }23 Abr 2026
07:00PM -
Fernando barroso
Cortijo Las Monjas - Periana, Málaga (España)
672686302_10233151173587927_4475006899934474632_n.jpg }23 Abr 2026
08:00PM -
Serán en Castrelos
Parque de Castrelos - Castrelos (Vigo)
671640471_1408498291320583_6216349526970800401_n.jpg }23 Abr 2026
09:30PM -
Amoebo + Law
Garufa Club - A Coruña
648284173_122199600338514264_4015877305865184625_n.jpg }24 Abr 2026
35ª Festa do Champiñón
Ordes
673512103_1398293465676347_6257268258974208661_n.jpg }24 Abr 2026
Festas de San Marcos
Noia
656314818_1357532299725393_4507579258918980907_n.jpg }24 Abr 2026
Galegote Rock
Pontevedra
621632675_1218402530420411_2454559970369722286_n.jpg }24 Abr 2026
LXVI Festa da Lamprea
Arbo
670788881_18104088635501094_3326185845991164495_n.jpg }24 Abr 2026
06:00PM -
Interritmos Raíces Vivas
Alohacamp - Guntín
670644375_17951222622133610_3427381850511580883_n.jpg }24 Abr 2026
07:30PM -
Petiscada Bailada
CS A Nubeira - Vigo
663052555_1813167876270000_3978549602049871392_n.jpg }24 Abr 2026
08:30PM -
Caamaño & Ameixeiras e Fran Sieira
Pazo da Cultura - Narón