Máis unha vez, pasamos o alto da Portela para nos achegar até o Aturuxo de Bueu. Desta volta a razón era o concerto de Malandrómeda, que volvía por terras do Morrazo coa súa flamante banda a nos mostrar como lle aquelaban saxo, teclado e batería aos seus temas. O Xabicas, coma sempre que hai música no Atu, e mais o Lavesedo estiveron aló e armaron esta reportaxe ben curiosa. Non deixes de ler, ver e escoitar o que che traemos até a nosa web!

Ultimamente estamos a recuperar o bo costume dos nosos anos mozos de irmos até o Aturuxo cada domingo a gozar da música ao vivo. Inflúen varios aspectos neste retorno, mais sen dúbida a aposta que o Leiro e toda a xente do Atu está a facer pola música en galego e de calidade cada semana ten moito que ver.

Así, se nas últimos semanas estivemos a mirar a Rastreros ou Berlai, esta primeira finde de maio foi a quenda de Malandrómeda. O proxecto do Hevi, que estabamos afeitos a ver ultimamente acompañado do Xurxo Pinheiro -con quen gravou ademais os seus impresionantes últimos 2 discos-, presentábase cunha formación nova. O seu rap vai agora arroupado nunha banda, Manuele Caamagno ao saxo, LAR Legido na batería e Álex Salgueiro no teclado, o que nos permite redescubrir as súas cancións con novas feituras. Non sei se é porque os que chegamos ao rap desde outras latitudes musicais gostamos de ver instrumentos enriba do escenario ou se, directamente, é porque o Hevi soubo armar unha bandaza coa que non só defende moi ben o seu repertorio senón que acada intres de potencia -e de tolemia- que antes non estaban tan marcados, pero o certo é que o concerto nos convenceu a todas. Fosemos rapeiras ou simples advenedizas. E iso que Malandrómeda fai todo o posible por mudar os temas no directo, agachar as melodías coas que os coñecemos no disco e pórlles traxes novos. Así, os seus concertos convértense nunha experiencia curiosa, que mistura a sorpresa de descubrir algo novo con fraseos e retrousos que nos son ben coñecidos ás que temos trilladísimos os seus últimos traballos.

Desa amálgama de jazz, garage e rap galego que nutre as filias dos integrantes da banda xorden momentos potentísimos, co ritmo machacón do saxo a marcar melodías que aínda un par de días despois nos andan na cabeza. Cos xogos que o Hevi fai coa súa voz e toda a trebellada coa que distorsiona, samplea e fai máis efectos churrusquiña, mentres tempos e intensidades son manexados por LAR Legido e Álex Salgueiro. 

Hora e pouco de música ao vivo, intensísima, sen bises -iso é para perdedores e para a Orquestra Panorama-, e cun público entregado, entre as que estaban moitas das persoas -o Rafa incluído- que adoitaban ir mirar os seus concertos no Labranza, local de Bueu onde ten tocado en varias ocasións. Iso si, se queredes unha pexa, de volta a idade media dos asistentes era elevada, o que vén sendo a tónica xeral nos concertos ultimamente, só rachada curiosamente polos Rastreros que co seu punk arrastraron moita mocidade hai unha semana até o mítico local de Bueu. Agás un par de cativos que ían coas familias, o resto creo eu que xa cumpriramos os 30 hai tempo. Esta moi ben isto da madurez da música galega e tamén está moi ben o tempo de lecer da xente de certa idade inclúa a música ao vivo, mais sen relevo non hai futuro.

Aquí vos quedan uns petiscos do concerto. 

TEXTO: Lavesedo

FOTOS: Xabicas (Se queres ver máis, visita o Facebook do Xabicas)

VÍDEO: Lavesedo


Vindeiros concertos

795663354_10246232162647843_8696830435274065083_n.jpg }24 Out 2026
Hugo Guezeta
Sala Capitol - Santiago de Compostela
832896718_18115728389092036_3454160212033361874_n.jpg }24 Out 2026
Minguante
O Xandoneto - As Neves
840809026_28711085741867270_7028194588712960272_n.jpg }24 Out 2026
01:00PM -
VI Foliada e Cantos de Taberna de Taboada
Taboada
825271574_1370119861532417_3017303303335931565_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
As San Lucas. Terras de Encontro
Mondoñedo
830632125_18134977579630147_7693089141231421728_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
Pasabodeghas
San Miguel de Sarandón (Vedra)
836334423_1074770502029218_2588016385055379423_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
XVII Foliada da Mariña
Praza do Concello - Xove
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }24 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - As Pontes
792408397_28250828677890501_6389619091779715764_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
XIV Ruada de Teixeiro
Praza do Pobo - Teixeiro, Curtis (Curtis)
792408397_28250828677890501_6389619091779715764_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
XIV Ruada de Teixeiro
Praza do Pobo - Teixeiro, Curtis (Curtis)
841084073_18080460158709235_4012768790645538583_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
Voces e Cordas nunha Tarde de Outono
Local Social Liga de Amigos de Barallobre - Barallobre (Fene)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.