A cita era de novo en Ordes, os HdC recuncaban no local que os viu reaparecer hai agora un ano, e de novo os seareiros responderon á chamada dos do Barbanza. Xente nas portas desde primeira hora da tarde, máis de mil persoas a gozar co concerto na LP45, e finalmente un novo éxito do grupo de rock máis exitoso do país. Achegamos crónica e fotos da presentación do Jard Rock con Fe, por cortesía de Airapro e Marcos Martínez.

Algo máis de mil persoas asistiron ao concerto de Heredeiros da Crus celebrado onte na discoteca LP45 de Ordes. Os primeiros fans chegaron a Ordes a primeira hora da tarde. Moitos deles ataviados dun xeito moi particular, ao 'estilo Heredeiros', con perrucas, batas de casa ou mesmo disfrazados dos propios Javi, Tucho, Fran e Tonhito, fóronse ubicando nos arredores da LP45 para poder ser os primeiros en entrar no que sen dúbida será un dos concertos do ano. Pouco despois de que se abrisen as portas da discoteca, a música comezou darredor das 22:30 da man de Vicky Polard, unha prometedora banda de rock-grunge da comarca de Compostela que sorprendeu ao público cos seus cambios de ritmos, voces agresivas, guitarras contundentes e con moita iniciativa no escenario. Un grupo emerxente, pero cun disco xa publicado e descargable no seu Bandcamp, que sen dúbida ha dar que falar.

Pasada esta actuación e despois duns minutos de transición, as luces comezaron a anunciar o que todos agardaban: os Heredeiros da Crus, acompañados de Manu Rey á batería -que casualmente onte celebraba o seu aniversario- e dunha banda de metais, coros e teclado, saían ao escenario apostando forte: tocando unha das cancións inéditas do novo disco, Non che teño medo, e cuns impresionantes efectos de luz e pirotecnia. Foi unha premonición do que estaba por vir: case tres horas de música e festa sen descanso, un espectáculo audiovisual de primeiro nivel e un ambientazo na discoteca LP45, onde era difícil dicir quen estaba máis entregado, se o público ou os Heredeiros.

Sen parar de bailar e moverse nin un momento, Javi Maneiro -que luciu durante o concerto unha camisola personalizada que lle regalaran previamente unhas fans- foi levando ao público até a éxtase grazas ás súas incuestionables dotes de showman, mentres o baixo de Fran Velo -que unha vez máis estreou indumentaria, cun chaleco de plumas e unha co logo do disco-, a guitarra 'sachadora' de Tonhito de Poi -que tamén estaba de estrea: despois de perder o seu mítico e amado casco vikingo en Catoira, sustituino por un novo casco, desta vez con cornos de vacaloura- e o virtuoso Tuchiño -que ademais de marcarse algún solo impresionante nos temas roqueiros tamén tivo o seu momento acústico en solitario no escenario- demostraban coa súa música que os Heredeiros da Crus están máis en forma ca nunca!!

A enerxía da música de Heredeiros e a entrega total do público foron in crescendo durante todo o concerto, que durou case tres horas e no que se puideron escoitar algúns dos mellores jits de Heredeiros, como Quero Josar, A Chaqueta de Lana, Amor de barra, etc. Do novo disco caeron cinco temas: A Duquesa de Poi, Francisco Chousa (El Campeador) -os dos dous singles que xa se adiantaran nas semanas previas-, Non che teño medo, Supernovedá ou Camello sen joroba, que promete converterse nun dos temas máis escoitados e pinchados nos próximos meses. Onte foi a primeira oportunidade de escoitar estes temas, non só en directo, senón tamén no propio disco, que non se publicou nin vendeu en ningún sitio até onte (coa entrada do concerto estaba incluído o disco), e que os asistentes ao concerto puideron escoitar no camiño de volta á casa --nestes momentos están empezando a verse as primeiras críticas do Jard Rock con Fe, todas boas, nas redes sociais--. O concerto pechouse co mítico O fillo de José, coreado case a pelo (só coa acústica de Tuchiño) entre os Heredeiros, a banda, o equipo técnico e por suposto o público, nunha emocionante comunión entre a parte de arriba e de abaixo do escenario.

E todo cun son realmente impecable na sala e un auténtico espectáculo de luces e efectos do que se fixo cargo a empresa galega Esmuli Prorent. Unha noite que ademais discorreu sen ningún incidente na discoteca LP45, que se confirma como unha das mellores salas de Galicia para todo tipo de eventos, totalmente equipada para realizacións audiovisuais e co máximo nivel de seguridade, limpeza e eficacia do persoal. En total, un equipo de máis de 60 persoas coordinadas por Airapro e LP45 Producciones.

E como anécdotas, esas que fan que os Heredeiros teñan os mellores fans do mundo, quedan o reparto de micrófonos entre o público nalgunhas cancións, o striptease -desta volta masculino- ou o regalo de bocadillos de nocilla ao rematar o concerto tal e como fora prometido.

Aquí tedes unha galería de fotos da previa e do propio concerto, da autoría de Marcos Martínez:


Vindeiros concertos

671647126_1529400112523121_245636148477317500_n.jpg }05 Mai 2026
09:30PM -
Vadzim Yukhnevich e Giuliano Parisi
Borriquita de Belém - Santiago de Compostela
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
645790230_1542328411230550_6126441407160916991_n.jpg }07 Mai 2026
Agora Guerrilla
Borriquita de Belém - Santiago de Compostela
626278513_18344101579237107_7652831850050692149_n.jpg }07 Mai 2026
Antía Muíño
Avalon Café - Zamora (España)
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
624076770_17986133090933036_9170625095021733609_n.jpg }08 Mai 2026
Bestas
Sala Urania - Ferrol
625359261_18342640423237107_8185224847302903640_n.jpg }08 Mai 2026
Fillas de Cassandra
Recinto Feiral - Pontevedra
586678226_18334925893237107_7538853319763282673_n.jpg }08 Mai 2026
Rebeliom do Inframundo
Sala Capitol - Santiago de Compostela
662492807_4399302883652043_3346349509056976048_n.jpg }08 Mai 2026
Sementeira e Música
Área Recreativa do Muíño da Ponte - Corzáns (Salvaterra de Miño)