Diante dunha sala Capitol practicamente ateigada, Ruxe Ruxe presentou o seu novo traballo de estudio. 'Némesis' é (case) unha ópera rock, crúa como a situación que vivimos. Moito máis feros, moito máis duros, os Ruxe Ruxe celebraron o seu décimo oitavo aniversario encol dos escenarios nunha noite máxica. Houbo festa a esgalla na sala, co ambiente previamente caldeado por Biribirlocke e Josito Porto, e tamén a houbo despois polos bares da zona vella de Compostela. Eis a nosa visión do que aló aconteceu. Fotos, vídeos e crónica da presentación do novo dos Ruxe na Capitol.


Ruxe Ruxe fíxosenos maior. 18 aniños contemplan xa a andaina da banda que -malia eles non o quereren- ergue o facho do rock en galego. Volvían a Capitol para presentar novo traballo, despois de vender todos os billetes hai 2 anos con 'Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras'. De feito, daquela até quedou xente na porta, cunha sala completamente ateigada con 800 persoas berrando polo rock en galego. Despois daquel éxito, volver pola sala senlleira do panorama roqueiro galego tiña os seus riscos. O medo a pincharen -se se pode dicir isto cando 300 ou 400 persoas pagan unha entrada tal e como está a situación social no país- sobrevoou a cabeciña de máis de un. Ben é certo que xogan na casa, mais non é doado nunha noite con 20 propostas de música galega encher a Capitol. E iso sen falar do concerto de Söber en Ourense, o FIV en Vilalba ou o 'Oístes Rock'. E eles fixérono de volta. Cunhas 700 entradas vendidas e un ambiente polo que devecería moita estrela do mainstream, Ruxe Ruxe mostraron que xa hai un tempo que o rock galego saíu do underground para se converter nunha realidade á que só a desidia e falta de apoio das institucións e dos grandes medios impide ter a presenza social que merece.

A noite comezou cunha pequena actuación de Josito Porto e despois seguiu co concerto dos Biribirlocke, uns rapaciños -algún deles non nacera cando Ruxe Ruxe tirou o seu primeiro traballo- que mostraron un directo sorprendente. Falamos de ouvidas, temos que o recoñecer, pois para cando a Unidade Móbil de GZmúsica aterrou en Compostela xa remataran o seu concerto. Porén, e grazas á xenerosidade de Isidro Cea, podemos achegarvos algunha foto da súa actuación. Nós quedamos con moita gana de miralos e de certo que haberá ocasións para o facer.


Despois volveu subir polo escenario Josito Porto e a súa Factoría de Subsistencia, que fixeron a súa achega para seguir a caldear un público que arelaba a saída dos de Aríns. E eles saíron, cos acordes da 3ª Guerra, un dos adiantos do seu novo traballo, para protagonizar acto seguido o momento máis tenso da noite. En rematando o primeiro tema, de súpeto todo deixou de soar e os bulos correron pola sala. Disque caíu un cacharro na mesa de son e todo foi ao garete. Non, algún da banda encontrouse mal e por iso marcharon. Non tal. En realidade, saltou unha fase no escenario, os amplis quedaran sen corrente e houbo que agardar 10 minutiños a que os técnicos amañasen todo. Logo volveron ao escenario e xa non houbo quen os parase. Levados por unhas seareiras que coreaban todos os temas -todos, os do novo disco tamén- os membros de Ruxe deron unha boa lección de rock enriba do escenario. Estreaban novo batera, -Mahi, de Lady Chatarra, que entrou na banda mentres o Álex Sevilla se recupera da súa lesión no lombo-, e non se notou que era a súa primeira gran cita. O fogueo que lle facilitaron os concertos sorpresa que deron nas últimas semanas por varios locais do país notouse e estivo máis ca a altura achegando a contundencia que precisan os temas do novo disco. En realidade, todos estiveron a gran nivel. O Miguel, o Xaco, o Xan, o Carliños e o propio Vituco, aos que durante o ano pasado vimos un chisco frouxos nalgún concerto pero que volveron mostrar que teñen un dos mellores directos da música do país.


Foi ocasión tamén para se reencontrar con moitas das persoas que turran pola música en galego. E non só xente de moitas bandas, Zënzar, DKTC, Arrythmia, etc senón persoas coma Xosé de musicaengalego.blogspot.com, Ada de compostimes.com, Lucía Mallo, e un longo etcétera de persoas que gozan da música do país e serven de altofalantes dunha realidade silenciada. Daban moito para falar os motivos polos que existe un total descoñecemento e desleixamento sobre unha realidade que vive o seu mellor momento da historia e apenas ten oco alén de webzines coma este, os xa citados, abretedeorellas.com, guieiro.com e algún outro, dos que sintetizan as vitaminas para o galego. Quizais porque vai contra todo e di as cousas como o resto da xente as vive e entende. Tanto ten. O certo é que sábado á noite vivimos -de volta- unha gran noite do rock galego. E máis que virán.


VÍDEO-RESUMO

Vídeo: S. Murias

Crónica: Lavesedo

Fotos: Isidro Cea e Lavesedo

{fcomments}


Vindeiros concertos

589028230_18544338622017825_8463627320140043523_n.jpg }12 Dec 2025
06:00PM -
Brais das Hortas e Peter Punk
Praza de Abastos - Moaña
594820808_876128578148696_3316001175706922444_n.jpg }12 Dec 2025
07:00PM -
Acordeireta
Muíño de Porto do Molle - Nigrán
595282632_122201767634312724_2856611239272578873_n.jpg }12 Dec 2025
07:00PM -
Serán Santa Lucía
Torreiro de Vincios - Vincios (Gondomar)
588968055_17990148464897330_6778979876451452517_n.jpg }12 Dec 2025
08:30PM -
Traspielas
Auditorio do Concello - Vigo
596922474_10239513183515845_3214108747295432782_n.jpg }12 Dec 2025
08:30PM -
Leticia Rey
Teatro Principal - Santiago de Compostela
596818333_122238153800152579_5211077579340709750_n.jpg }12 Dec 2025
08:30PM -
III Gala Benéfica dos Asubiíños
Pista Descuberta do CPI Plurilingüe Virxe do Monte - Cospeito
562215399_1417369770388720_5430743456151396648_n.jpg }12 Dec 2025
09:00PM -
Dioivo + Sicixia + Os Barbosas
Pub Transylvania - Vigo
598963014_897326825983331_3415245209704747715_n.jpg }12 Dec 2025
09:00PM -
Foliadas Abertas do Pichel
Gentalha do Pichel - Santiago de Compostela
1758981042716496-0.jpg }12 Dec 2025
09:00PM -
Yalah Galiza con Palestina
Sala Máster Club - Vigo
598624972_18356829844167288_6519372710651578627_n.jpg }12 Dec 2025
09:30PM -
Samesugas + Bule
A Pousada da Galiza Imaxinaria - Boiro
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.