O pasado venres 12 de xuño os Lavesedo Brothers, parte do núcleo duro do brazo tecnolóxico-social de GZmúsica, cruzaron a ría para ir ao concerto de The Movement e Keltoi na Sala Máster. Primeira visita dos dinamarqueses a Galiza e engadido de última hora dos Keltoi para completar un cartaz que non se podía deixar pasar. Moitas ganas na xente de volver ver os Keltoi na súa cidade e moita curiosidade por uns The Movement de aires clásicos e brutais sobre o escenario.

A verdade é que só o concerto de The Movement xa “nos chamaba os sentidos” polo que a idea de ir xa roldaba pola cabeza desde que o cartaz comezou a se mover pola rede. Porén, o engadido de Keltoi como grupo convidado uns dez días antes xa facía inexcusable a visita a Vigo. Con todo, até o último momento non tivemos clara a viaxe por motivos de choio, así que chegamos apurados á Máster pensando que quizais nos perdésemos parte ou todo o concerto de Keltoi. Non tal. De feito, comezou con bastante atraso. Xa nos ten pasado varias veces, -a última fora no concerto de Vendetta e Betagarri-, así que, se ides pola Máster, iso de hora de comezo 22h tomádeo como meramente orientativo.

Tampouco é que haxa queixa. Deu tempo a tomarlle unha cervexa, saudar algún e algunha coñecida, e ir para adentro cando as primeiras notas dos Keltoi chamaron por nós. Había tempo que non tocaban na súa cidade e había tamén tempo que non os miraba ao vivo. Teñen guitarrista novo, penso que debutaba no concerto, e tamén era para min novidade Mikele no baixo. Da banda oi! viguesa pouco hai que dicir que non se saiba. Se houbese que definir a música honesta e non se encontrase un grupo para exemplificala, os Keltoi serían idóneos. Non van do que non son nin pretenden facer ver que tocan máis do que tocan. Ollo, isto non quer dicir que non soen ben nin que non pasen de catro acordes mal tocados. Non é o caso. Mais teñen un aquel no escenario que foxe absolutamente do artificial. E ben podían ser doutros xeito, moito roqueiro de tres pesetas cun cuarto do éxito deles xa andaría pola Iguana Club mirando por riba do ombreiro á xente e facendo anplujeds na Casa de Arriba. Non esquezades que xa cumpriron o soño polo que devece/devecemos/devecerá toda a mocidade viguesa que algunha vez montou ou soñou con montar unha banda de rock: facerlle un tema ao Celta e tocalo diante de 40.000 persoas, que por riba o cantan contigo, en Balaídos. Porque ese Vigo de guindastres, paro e cheiro a mar existe e segue a ser de punk-rock e loita obreira, por moito que Caballero arrase nas eleccións, os barcos atraquen nas rotondas, e moitas das vellas glorias do movemento redskin vigués alí reunidas xa sexan skinheads por imperativo capilar.

Así, o concerto de Keltoi foi totalmente de menos a máis, cos máis veteráns acazapados nas filas de atrás pondo a orella na boa ración de temas novos que nos agasallaron e a mocidade rebuldeira entrando aos poucos en calor, especialmente cos temas máis coñecidos até a apoteose final coas cancións dedicadas a Vigo e ao Celta. E mentres todas as persoas berraban eses retrousos tribais, rabiosos, que tan ben misturan miseria e grandiosidade, uns mozos louros con cara de boas persoas asomaban a cabeciña desde a zona de músicos. Semellaban gostar do ambiente que lles deixaban os da casa.

Lembro perfectamente o comentario que alguén puxo sobre o grupo cando colgaron o cartaz no grupo do FB de FEGAFE, Festivais da Galiza: “Se che gustan os Clash e os Kinks, tes que ir mirar este grupo”. E vaia se tiña razón quen iso dixo. Xa non é que haxa que miralos se gostas desas dúas bandazas. Realmente, se tes un mínimo de amor pola música ao vivo, non deixes de ir miralos cando volten a Galiza. Espírito mod –moi ben camuflado baixo o ska por veces-, paixón no escenario e internacionalismo e loita de clases nas letras. Un toque moi retro na vestimenta, no son,..., misturado cunha actitude salvaxe. Había retallos pola internet que permitían enxergar o que nos viña enriba. Algún vídeo ao vivo, unha foto do baixista cos dedos ensangrentados despois dunha actuación,…, mais nada que poida compararse a ver 3 ghichiños con pinta de bos rapaces, se acaso un chisco descarriados, montando un espectáculo de música, forza e loucura. Comezaron xa a tope, botando por diante as cancións máis coñecidas, as que moitas escoitaramos fedellando no youtube. Despois de media hora case sen acougo, entraron nunha fase algo máis tranquila, tirando cara aos temas máis pop do seu repertorio. Pero todo foi un espellismo, aquilo volveu ir para arriba sen control. Liñas de baixo que tradeaban a cabeza sen compaixón, unha batería tamén inmisericorde e sobre elas, guitarra e unha voz que semellaba ter bebido xa toda a augardente do país e fumado todo o tabaco de batea do mundo. No medio e medio do concerto, escoitando It’s all in your mind ou Set me free, pensei en The Homens que asemade daban o seu primeiro concerto en anos na Capitol. Doeu non poder ir a Compostela, mais alí escoitando o seu alter ego dinamarqués. Porque tirando a voz, que marca moito o estilo de ambos os proxectos, só as camisolas de raias e as garavatas os separan.

Boa noite de concerto, nunha sala ateigada, demostrando que contracorrente tamén se pode vogar e traer grandes bandas a Galiza por fóra do camiño usual. Nin grandes empresas –nin pequenas, apenas o traballo dun grupo de persoas comprometidas coa música-, nin apoio institucional, nin espazos nos medios de desinformación masiva. Apenas moito traballo, un uso intelixente das redes sociais e moito amor pola música. Si, amor. Porque temos amor, temos esperanza e temos a Marx. E por riba pasámolo caralludamente.

+ FOTOS DO CONCERTO

 

TEXTO e FOTOS: Lavesedo

{fcomments}

Vindeiros concertos

607560744_18248322604288358_7002495170589291008_n.jpg }28 Feb 2026
51ª Festa do Queixo
Arzúa
642741214_10237327030707328_3103323228444963511_n.jpg }01 Mar 2026
12:00PM -
Foliada-Vermú Arredor da Tradición
Aturuxo Bar - Bueu
622024903_18556827748021212_3063443952473019473_n.jpg }01 Mar 2026
07:00PM -
Xabier Díaz & Trío de Salitre
Espacio Vaticana - Aldea de San Miguel, Valladolid (España)
641392583_1638037884600162_7464545103731425896_n.jpg }01 Mar 2026
08:00PM -
Sumrrá
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
641378721_1506342738165281_9067810172005490710_n.jpg }04 Mar 2026
08:00PM -
Cultura contra a Barbarie. Gala Solidaria por Palestina
Teatro Principal - Pontevedra
632177127_1379968937479942_2125393337963153476_n.jpg }05 Mar 2026
08:30PM -
Antía Muíño
Teatro Principal - Santiago de Compostela
586678226_18334925893237107_7538853319763282673_n.jpg }06 Mar 2026
Rebeliom do Inframundo
Sala La Laut - Barcelona (Catalunya)
642168590_1428467095737886_2000836906980015684_n.jpg }06 Mar 2026
11:30PM -
Verter GZ
Pub Gatos - Melide
615727998_17999470853850735_794645154515654386_n.jpg }07 Mar 2026
III Foliada de Primavera Axeigada
Rábade
623036181_18341562343234570_5534474561794490359_n.jpg }07 Mar 2026
XIII Concurso de Bandas Rock in Río Tea
JJ Copas - Ponteareas