O pasado sábado 4 o Aturuxo de Bueu acolleu o que semella o derradeiro acto festivaleiro das Mozas e Mozos de Beluso. A Asociación Cultural que organizou durante anos A Noite do Trasno en cabo Udra e antes a Festa das Mozos e Mozos en Beluso quixo despedirse de toda a xente que gozou dalgunha daquelas máxicas noites de agosto. Trampoline, Xenderal, Furious Monkey House e Camarada Nimoy puxeron a música nunha xornada que comezou xa de mañá e se prolongou até a noitiña.

Cando o calendario festivaleiro estaba moito máis ermo do que o está agora, unha das datas fixas era A Noite do Trasno de Beluso. Daquela, O Morrazo podía presumir dunha axenda chea de festivais que nos permitía pasar o verán de festi en festi, coa tenda de campaña ao lombo, sen saír da bisbarra. O tamén mítico Festichán, o Herba e Son, o Rural Rock, o Ermelo Alternativo, a Festa Folc de Vilariño, o Festivalinho de Aldán, o Intercéltico e, claro, A Noite do Trasno debuxaban un percorrido festivaleiro que moitas seguiamos con máis devoción que a grei cristiá os pasos das prosesións. Mais en Beluso, o gran festival que foi A Noite do Trasno -polo que pasaron Mercado Negro, Os Cempés, Los Niños de los Ojos Rojos, Os Tres Trebóns, Salida Nula, Banda Potemkin ou Soak- non xurdiu da nada. Antes, as Mozas e Mozos de Beluso xa andaban enleados na Festa que organizaban na propia aldea de Beluso. E algúns deles, antes incluso no Rebolo Rock de Bueu, outro histórico festival onde, por exemplo, moitas escoitamos por vez primeira o Licor Café da Lamatumbá orixinal. 

Porén, co ben que o temos pasado no Rebolo, no Festichán, en Vilariño e no resto de festivais, o certo é que A Noite do Trasno sempre tivo un aquel especial. A acampada nun lugar espectacular, como é cabo Udra, o ambiente hippie dos moitos postos de todo tipo que -igual ca no Festichán- alindaban o camiño de entrada, o orgullo de ver a xente da aldea autoxestionando un festival daquela magnitude, as palabras de Xurxo Souto buscando animais máxicos nos pedróns da zona, o reggae dos Mercado Negro, algún dos últimos estalos dos lendarios Soak,...son tantas as lembranzas arredor dese bonequiño de pucha calada e orellas grandeiras que non podiamos deixar de ir este sábado polo Aturuxo.

Van xa 5 ou 6 anos desde a derradeira Noite do Trasno, e a actividade da Asociación malia seguir organizando cousas ben bonitas, como o ciclo de cantautores ou a emisión dun Aberto por Reformas centrado na música do Morrazo desde a Casa do Pobo de Beluso, foi esmorecendo aos poucos á medida en que aquelas mozas e mozos se ían facendo mulleres e homes. Así, como dixo o Xenderal desde o escenario na traseira do Atu, un feixe de crianciñas formaban as primeiras fileiras da súa actuación. Fillas e fillos daquelas mozas e mozos, e tamén das moitas persoas -coetáneas a maioría- que quixemos lembrar de novo aquelas noites e despedir o trasno como o merecía. E entre as crianzas, e tamén entre os maiores, triunfou o hip-hop e o raggamuffin do da Cochikeira. Acompañado pola nosa compañeira Lety GF, Xenderal ofreceu -e ben lixeiro, pois á noite tocaba no Sons da Lameira- unha dose de ritmo con letras que van alén do superficial, incluso en temas coma Longas Merendas, argallado para o Xabarín Club.

Non demos chegado á sesión vermú dos Trampoline -na que seica houbo tamén algunha sorpresa- así que aproveitamos o cambio despois do concerto de Xenderal para botarlle unha ollada á proxección de fotos no interior do local, aos cartaces expostos  e tamén deixamos a nosa pegada no taboleiro en que as asistentes a golpe de post-it puñan as súas lembranzas do festival. Despois veu a sorpresa da xornada. Furious Monkey House. A banda de rock de Pontevedra, formada por un feixe de rapazas e mais un rapaz que roldaban os 10-12 anos acompañados no baixo por un outro músico "adulto", sorprenderon ás que nunca os viramos. Son contundente e directo traballado, onde a dozura e inocencia de voces e acenos propios da idade dos integrantes se combinaban con riffs de guitarra, melodías nos teclados e contundencia na batería inusuais en rapaces tan novos. Pero o que máis me rechamou foi a presenza e enerxía que desprendían no escenario. O ben que o pasaban tocando rock e a soltura con que Mariña, vocalista, interactuaba co público.

Para despedir a Última Trasnada, os Camarada Nimoy en formato dúo. Batería e guitarra, que prometeran nas redes máis cera e distorsión que de costume e que cumpriron. Así, as atmosferas que sempre vai tecendo a música dos C. Nimoy rachaban a golpe de pedaleira, mostrando a súa face máis descarnada. Porén, viaxe pracenteira arroladas nas viraxes da guitarra e nunha batería maxitral, alén dun par de momentos para o Theremin que enmeigaron de vez ás máis novas. Un auténtico agasallo para pechar a Trasnada, xa coa tardiña deixándose sentir no devalo do sol, e pór punto final a unha andaina chea de bos momentos e de moito traballo para converter Beluso, durante moitos anos, nun referente da festa e da música no país.

Aquí tedes un resumo en vídeo, con fragmentos da actuación de Furious Monkey House e Camarada Nimoy, realizado por Martín Rodas.

No Facebook de Mozas e Mozos podedes ollar máis fotos do Xabicas.

Mozas e Mozos de Beluso. Non están todas as que son, pero son todas as que están

TEXTO: Lavesedo

VÍDEO:  Martín Rodas

FOTOS: Xabicas e FB de Mozas e Mozos

{fcomments} 



Vindeiros concertos

795663354_10246232162647843_8696830435274065083_n.jpg }24 Out 2026
Hugo Guezeta
Sala Capitol - Santiago de Compostela
832896718_18115728389092036_3454160212033361874_n.jpg }24 Out 2026
Minguante
O Xandoneto - As Neves
840809026_28711085741867270_7028194588712960272_n.jpg }24 Out 2026
01:00PM -
VI Foliada e Cantos de Taberna de Taboada
Taboada
825271574_1370119861532417_3017303303335931565_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
As San Lucas. Terras de Encontro
Mondoñedo
830632125_18134977579630147_7693089141231421728_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
Pasabodeghas
San Miguel de Sarandón (Vedra)
836334423_1074770502029218_2588016385055379423_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
XVII Foliada da Mariña
Praza do Concello - Xove
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }24 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - As Pontes
792408397_28250828677890501_6389619091779715764_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
XIV Ruada de Teixeiro
Praza do Pobo - Teixeiro, Curtis (Curtis)
792408397_28250828677890501_6389619091779715764_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
XIV Ruada de Teixeiro
Praza do Pobo - Teixeiro, Curtis (Curtis)
841084073_18080460158709235_4012768790645538583_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
Voces e Cordas nunha Tarde de Outono
Local Social Liga de Amigos de Barallobre - Barallobre (Fene)