Lamprea Explosiva e Terbutalina deron unha boa posta de punk o pasado venres 10 de marzo en La Iguana Club de Vigo. Público entregadísimo e potencia e actitude no escenario para unha velada punk das que fan historia. Fer e Víctor, os nosos reporteiros especializados en concertos de alto risco estiveron alá e saíron vivos para contalo. Eis as súas fotos e crónica.

Desde que os Terbutalina anunciaron as datas da súa xira para os meses de marzo, abril e maio, marcamos en vermello a cita do 10 de marzo. Ía ser a primeira parada e era en Vigo, na Iguana Club, como quen di na “casa”. Ademais iamos ter tamén a oportunidade de ver a Lamprea Explosiva, dous rapaces novos de Vigo que fan punk e aos que tiñamos ganas de ver en directo.

Chegou o día do concerto, venres de calor que axudou a ter máis ganas de festa. Antes de entrar na sala coincidimos con Terbutalina e, como bos grupis que somos, estivemos falando con eles un anaco (sobre croques, berberechos para os de Muros e Esteiro, e esas cousas que teñen os artistas, con veladas referencias a non sei que crónica do seu anterior concerto en Vigo).

Pouco antes da hora do concerto, a Iguana abriu as súas portas e foise enchendo de xente. Boa entrada, coa parte de abaixo da sala chea de xente animosa. Con algo de retraso empezaron a soar os primeiros acordes dos vigueses Lamprea Explosiva e o público entrou rapidamente no concerto, bailando e cantando as súas cancións. Soaron ben os seus temas curtos e directos durante a hora escasa que estiveron no escenario. Se tedes a ocasión de velos, non o dubidedes, o seu punk promete.

Despois dun pequeno descanso apareceron no escenario os Terbutalina e comezou unha tolemia de baile en toda a sala. Coñecemos ben os intensos directos de Terbutalina e desta volta a conexión co público foi total e instantánea. Incluso cos temas novos que tocaron a xente non deixaba de bailar, non baixaba nin un chisco a festa. Estivemos en moitos concertos do grupo, pero este foi diferente en gran parte porque o público deuno absolutamente todo. É difícil de explicar se non estiveches aí (pero hai vídeos que vos axudarán a facervos unha idea).

Un tema tras outro o concerto foi arrasando coa sala, subindo en intensidade ata chegar á catarse colectiva cos grande ghits dos de Esteiro (o público aghatuñaba, literalmente, pola sala). Foi deses concertos que non queres que remate nunca, creo que inda hai xente bailando na Iguana. Agora seguirán coa súa xira, e ti vas buscar onde ir a velos, porque sempre poden montar unha tremenda festa e vas queres participar nela xa sexa en Vigo, Lugo, Coruña ou Ourense.

Lembrade, Terbutalina NUNCA DEFRAUDA!

Podes ver AQUÍ TODAS AS FOTOS.

Texto: Fer

Fotos: Víctor Moby

Vindeiros concertos

830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }23 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - Negreira
849322528_1541015238065170_4552444256315218672_n.jpg }23 Out 2026
08:00PM -
Foliada en Lisboa
Centro Galego - Lisboa (Portugal)
795663354_10246232162647843_8696830435274065083_n.jpg }24 Out 2026
Hugo Guezeta
Sala Capitol - Santiago de Compostela
832896718_18115728389092036_3454160212033361874_n.jpg }24 Out 2026
Minguante
O Xandoneto - As Neves
840809026_28711085741867270_7028194588712960272_n.jpg }24 Out 2026
01:00PM -
VI Foliada e Cantos de Taberna de Taboada
Taboada
825271574_1370119861532417_3017303303335931565_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
As San Lucas. Terras de Encontro
Mondoñedo
830632125_18134977579630147_7693089141231421728_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
Pasabodeghas
San Miguel de Sarandón (Vedra)
836334423_1074770502029218_2588016385055379423_n.jpg }24 Out 2026
05:00PM -
XVII Foliada da Mariña
Praza do Concello - Xove
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }24 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - As Pontes
792408397_28250828677890501_6389619091779715764_n.jpg }24 Out 2026
07:00PM -
XIV Ruada de Teixeiro
Praza do Pobo - Teixeiro, Curtis (Curtis)