Xosé Manuel Budiño presentou na primavera de 2013 o que xa é o seu sexto traballo, Sotaque. O novo disco do de Moaña afonda nas liñas abertas por el en traballos anteriores, coa mistura de tradición e modernidade que caracteriza toda a súa obra. Para este disco, Budiño contou coa colaboración de António Zambujo, Michael McGoldrick e os Cantareiros do Fiadeiro. Agora o Sotaque pasa pola peneira de GZmúsica.


O pasado mes de abril, Xosé Manuel Budiño apresentaba o seu novo traballo, xa o sexto dunha andaina que comezara no 1997 con Paralaia. Despois daquela estrea, para a que escolleu o nome dun dos picos da serra do Morrazo que o propio Budiño ve desde a súa casa en Moaña, viñeron Arredor no ano 2000, Zume da terra no 2004, Home no 2007 e o disco gravado ao vivo en Ortigueira, Volta, no 2010, mais este último que pasa a ser o sexto disco, Sotaque, e que mantén o costume do moañés de tirar un novo traballo cada 3 anos desde que se decidiu a comezar a súa carreira en solitario. Gravado na Casa de Tolos de Gondomar a comezos deste 2013, Sotaque é un cambio de ciclo que chega despois dun 2012 intenso, no que argallou xunto a Kepa Junkera o espectáculo Jai Galai, -co que estiveron no Intercéltico de Lorient-, e despois tamén de Budiño e banda voltaren da xira latinoamericana e remataren cun concerto en Narón en novembro a xira de Volta. O disco supón a volta aos estudios do gaiteiro despois de 6 anos e quizais por iso comeza poderoso, levado polo ritmo ternario que marcan percusión tradicional e baixo no instrumental Nubeiros e Tronantes. Acae, sen dúbida, o nome. Segue Hoxe canto en Libertá, Luis Tosar cantando a Celso Emilio, un dos intres senlleiros do traballo. Polo si ou polo non, acaba lembrando o São tambor de Narf mais quizais non remata de arredondar o retrouso para chegar a se converter nun tema inolvidable coma ese. Despois veñen dúas pezas máis instrumentais, onde Budiño segue a sacar partido a súa calidade como instrumentista, tanto coas gaitas como coas frautas. Moi fermosa, unha muiñeira fondamente irlandesa, a segunda delas, a que lle dá nome ao traballo, onde se enlean a gaita en Re de Xosé Manuel coa frauta de Michael McGoldrick, -co que se partillara proxecto hai un par de anos no Celtic Roots-, sobre o mulido que sintetizadores e percusión tradicional aquelan neste coma no resto dos temas non cantados. É a terceira colaboración de Sotaque, protagonizada precisamente por quen deu nome, -sen o querer-, ao traballo, á que marca o punto álxido do sexto disco do moañés. Déixame adiviñar, letra de Carlos Blanco, música de Budiño, coa magnética voz de António Zambujo arrolando o tema entre sintes e frautas, condensa nos seus 259 segundos moita da beleza que vén no Sotaque. Corta o ritmo vigoroso dun traballo que comezaba con raiba e enerxía para inserir unha paréntese que segue a ecoar despois en quen escoita o disco, arelante de volver sentir de volta a voz dun Zambujo que por desgraza non reaparece.  As que si aparecen e deixan tamén a súa pegada no traballo do de Moaña son as voces dos Cantareiros do Fiadeiro, trallazo trad no único tema,-alén de Sotaque-, no que non fai aparición a electrónica. Apenas pandeiretas e voces dos do Fiadeiro nos 3 primeiros minutos, antes da muiñeira na que se engade a gaita en do de Xosé Manuel. Desde esta canción, a sétima, até o remate do traballo volven os temas instrumentais, que non volven acadar a contundencia inicial agás no peche do disco, a case lisérxica Bica na Baiúca coa que non hai lugar ás indecisións. Ou deveces por ela ou sáltala no reprodutor.

E quen queira gozalo ao vivo, há ter ocasión aínda este verán no país. Budiño e banda levan xirando desde que saíu o traballo, -que xa se apresentou en Compostela, Ourense a Illa de Arousa para alén de varias cidades españolas-, mais a web do gaiteiro anuncia xira europea no verán e tamén un concerto o 15 de agosto en Galiza, sen concretar polo de agora o lugar. É posible que tamén no verán volvan á Coruña, onde se cancelou o concerto que ían dar o pasado 1 de xuño para presentar este novo traballo.

Texto: Daniel Lavesedo. (Esta crítica apareceu hai 15 días publicada no suplemento FdC do Faro de Vigo)

{fcomments}

Vindeiros concertos

845653492_18481801459117335_5175430342770525040_n.jpg }16 Out 2026
Culturgal Expandido
Muros
827746238_18092003912658783_1168922371938489971_n.jpg }14 Out 2026
SiSons Festival Connect
Santiago de Compostela
829967532_17975859075129618_962089406725050682_n.jpg }16 Out 2026
Tonhito de Poi
Ocean Rock Bar - Vigo
821223494_3443122332527631_2737291816677584176_n.jpg }16 Out 2026
VIII Nos Seus Pés
Praza do Corgo - O Grove
799755352_122288618450015711_3394418237901902229_n.jpg }16 Out 2026
XI Muinhada de Vimianzo
Vimianzo
836333662_1110479271705422_8066417261108706878_n.jpg }16 Out 2026
XXV Feira Histórica 1900
Arteixo
840752650_1097480429843323_4539212149321163659_n.jpg }16 Out 2026
08:15PM -
Luar na Lubre
Teatru José León Delestal - Llangréu (Asturies)
825278739_1037624982610093_2960408248257433883_n.jpg }16 Out 2026
09:00PM -
XIV Foliada Popular
Local da SIR La Devesana - Devesos (Ortigueira)
828343120_18429435592197656_7508647484675682273_n.jpg }16 Out 2026
10:00PM -
The Lelli Kelly´s + 800 Gondomar + Dj Gramola
O Adro - Cangas
842608920_1699842655477256_2052626415689733856_n.jpg }16 Out 2026
10:00PM -
Doroxo Presbiçian + The Sexy Lefties
Sala Rebullón - O Rebullón, Tameiga (Mos)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.