Sés publicou neste 2013 o seu segundo traballo, Co xenio destrozado. O novo traballo da coruñesa navega a través das músicas americanas, do rock dos USA ás milongas do sur, María Xosé Silvar alicerza con este disco unha traxectoria que xa a converteu nunha referencia ineludible na canción de autora nacional.


A historia da música -nomeadamente, a historia do rock- está ateigada de intrahistorias, de lendas, dun anecdotario cheo de curiosidades, das que gustamos por humanos pero tamén por rocanroleiros. Disque Springsteen se esnafrou nunha moto cando ía camiño de se alistar no exército americano para “ir e matar o home amarelo”. Co golpe, non puido ir e rematou montando unha banda de rock. Ou que Siniestro Total atopou o nome contra o asfalto da Beiramar viguesa. E non todo ten que ver con accidentes. As historias, antes contadas ao abeiro dunhas fechas no bar e agora descubertas coa compaña da soedade dediante de Google, dan para todo. Para nos apresentar un neniño gaiteiro que se “aceleraba” para enfado do mestre e abraio dos Chieftains, que o acabarían por adoptar coma un deles. Ou para falar dun grupo, -non lembro o nome nin o lugar-, que se enganou de bochinche e, pensando que estaba no da organización, pediu e bebeu como se non houbese mañá...Finalmente, non deu pagado co caché acordado a factura xerada. Foron tocar e aínda tiveron que pór cartos.
Unha destas anécdotas acompaña a autora dun dos mellores discos galegos do ano. Disque, cando Santiago Auserón foi impartir unhas masterclass aos grupos gañadores do Certame A Coruña Son, -certame que Auserón apadriñou durante uns anos-, ficou de boca aberta diante de María Xosé Silvar, unha das integrantes de Chámalle Xis! “Rapaza, ti es unha bomba” din que lle dixo o ex-Radio Futura á moza. E de certo, non andou desatinado o músico español.
De alí a pouco, Sés –nome familiar de María Xosé-, facía a súa estrea en solitario, “Admirando a condición” (2011), e sorprendía nun panorama musical galego pouco habituado a propostas como a da coruñesa. Ela mesma manifestou que achaba un baleiro na nosa música. Non había unha muller cantautora, que tocase e liderase a súa banda, así que decidiu tirar por aí.
Este ano Sés volveu entrar no estudio para nos agasallar co seu segundo traballo, “Co xenio destrozado”, apresentado no Teatro Principal de Compostela o pasado xuño, co cartaz de completo pendurado na billeteira. E agora está a xiralo polo país. O Liceum do Porriño, o Clavicémbalo de Lugo, o Gatos de Melide e o Teatro Municipal de Ribadeo acollerana en outubro, mais hai moitas máis datas que se poden consultar na rede.
E que ten Sés para sorprender vacas sagradas e encher teatros? Pois un chisco de aquí e outro de acolá. Unha voz portentosa. Unha pinga de milonga e catro de rock’n’ roll clásico. Letras que van claramente alén da parvada insignificante ou do panfleto. E iso que Sés é unha muller directa. Tanto, que ás veces sorprenden os speechs que solta entre tema e tema. Ou nos medios. Sirva como exemplo o que lle dixo a Alfonso Pato hai uns meses: “Prefiro ser merda ca ouro falso, polo menos a merda serve para facer esterco”.  Mais mantén esta contundencia afastada das letras das súas cancións.  Nelas, no entanto, hai cabida para a raiba, tamén para a dozura, pero Sés é unha letrista dotada de capacidade abonda para mostrar os seus sentimentos doutras maneiras menos directas.  Como xa se ten dito, unha cantautora que se envolve no rock e na música latina pero que ten alma de pandereteira. E por iso é quen de artellar cancións tan fermosas como Canto aquí, canto na Habana, senón a mellor do disco, desde logo a que mellor pode definir o estilo ecléctico de Sés. Aínda que neste “Co xenio destrozado” hai oco, moito, para o rock, -destacan o tema que lle dá nome ao disco e Unha sombra de min, ambas raibosamente positivas-, pero tamén para a música hispanoamericana, Milonga de aquí, Concordias de papel,... ou para fermosas baladas, coma Unha mañá de setembro, que pecha o traballo. Todos os estilos acaen no rexistro de Silvar, magnificamente acompañada neste segundo traballo por Tito Calviño á guitarra, Marcos Pazo á batería e Fran Sánz ao baixo, formación coa que apresentou o traballo o pasado xuño en Compostela e coa que está a xirar este outono polo país, despois de non se prodigar en exceso durante o verán.

Texto: Lavesedo

Artigo publicado en setembro no suplemento cultural FdC do Faro de Vigo

{fcomments}

Vindeiros concertos

845653492_18481801459117335_5175430342770525040_n.jpg }16 Out 2026
Culturgal Expandido
Muros
821223494_3443122332527631_2737291816677584176_n.jpg }16 Out 2026
VIII Nos Seus Pés
Praza do Corgo - O Grove
836333662_1110479271705422_8066417261108706878_n.jpg }16 Out 2026
XXV Feira Histórica 1900
Arteixo
795431244_1714432687357032_7979846278454184599_n.jpg }18 Out 2026
07:00PM -
21º Ciclo de Coros Galegos
Teatro Rosalía de Castro - A Coruña
846052707_1864894134678627_6958343547846064553_n.jpg }18 Out 2026
08:00PM -
Mercedes Peón + Clara Peya
Teatro Colón - A Coruña
825328425_1849953423408606_2192198202431545320_n.jpg }18 Out 2026
08:00PM -
Sumrrá
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
825340763_1139853172316835_4099096475273801725_n.jpg }21 Out 2026
09:30PM -
Pablo Sanmamed Quartet
Filloa Jazz Club - A Coruña
839157800_18348525814268419_3961946061528077243_n.jpg }21 Out 2026
10:00PM -
Banda das Crechas
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }23 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - Negreira
849322528_1541015238065170_4552444256315218672_n.jpg }23 Out 2026
08:00PM -
Foliada en Lisboa
Centro Galego - Lisboa (Portugal)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.