Volve o Taberneiro Lamentable a nos mandar unha crónica musical ao webzine. E, coma sempre, vén aderezada co arrecendo dun bo prato, desta volta un raxiño con pemento e patacas vellas. Música do país e comida feita a lume manso, velaí a verdadeira dieta atlántica, a que non sobe o colesterol pero si nos dá azos para seguir existindo. Bótalle un ollo a esta crónica do Ben deitei de Safari Orquestra e bótalle, de paso, unha escoita a un dos mellores discos galegos dos últimos anos. 

Onte foi boa. Á súa maneira foi desas tarde-noites que deixan pouso nos que gostamos da vida en compañía das boas amizades, duns tróspiros e dun pouco de rockandroll nos altofalantes dun garito.

No Meteogalicia daban choiva para hoxe e, se ben parece que por momentos se equivocaron, hai un par de nubarróns do outro lado da fiestra que ameazan con sacarlle o pó ás viñas.

Hoxe a xogo co gris do ceo levanteime algo pusilánime e tristeiro. Despois dei unha volta polas rebaixas na búsqueda dunha camisa punki para campar guapo con ela na próxima finde e por momentos recordeime a min mesmo como unha das protagonistas de sexo en N.Y. buscando alegría e ánimos superficiais e banais nos corredores dun centro comercial. Despois de volta á aldea fíxenlle unha visita pola cociña de miña nai.

Aínda non eran as 13.00 cando voltei para casa cuns impagables bistés de raxo regalo de quen me trouxo ao mundo e coa mesma púxenme cómodo e  aló me metín nos fogóns.

Un, para cociñar, xa sabedes que é moito de poñer un bo disco que me axude a voar a imaxinación mentres trafego coas cazolas e así cheguei hoxe ao Ben deitei da Safari Orquestra.

Allada da boa, un pouco de aceite de oliva na tixola e un pemento morrón enteiro e no seu punto perfecto para darlle máis aquel. O raxo troceado en pedazos miúdos e un chisco de sal. Non moito.

Distancia, Mírame. Escoito a Andrés do Barro remexido entre bases electrónicas e palabras das que dan regalía. O disco é do 2010 e xa o teño escoitado ben veces mais mellora a cada escoita.

Alucino coa calidade da Safari Orquestra e pensó na miña resignación persoal cando xoias musicais como esta non acadan o recoñecemento que sen dúbida merecen.

Canción a canción a Safari debulla nas emocións e nos sentimentos. Alta voltaxe emocional. A voz de Emilio soa como se houbese voces dentro da miña cabeza e vise visións a cada catro compases.

Apuro a mondar media ducia de patacas das vellas que van quedando en nada despois de afillar e ir quitando as partes que xa non valen.

Ben é certo que cando escollo un disco para escoitar en momentos así non teño moitas ganas de arriscar e sempre xogo a cabalo gañador. O de hoxe era un cabalo moi gañador.

“Ninguén sabe” pasa por ser para min unha das mellores cancións escritas no noso idioma. Regalía de canción. Honesta, crúa e cargada de anxos e demos a paus e ferro no máis fondo da nosa humanidade máis individual. Unha das mellores cancións que quen vos escribe escoitou e que sen dúbida poría de obrigada escoita en cada reprodutor deste país.

Continuamos escoitando. Continuamos cociñando.  As patacas xa case están e o raxo xa está listo para botar nun prato fondo de barro onde vai aguntar quente aínda un bo anaco.

“Mercado da compaixón”, “Habana”, “Xirando”. O disco remata e outra vez caio aos pés dos seus interminables encantos.

Que saquen pronto outro traballo Emilio e os seus que xa lle vai tocando, penso. O Ben deitei é unha xoia. Unha alfaia fermosa e aloumiñante cargada de calidade, de soul, de xeito e de electrónica da que alimenta.

Fóra parece que aguanta sen chover e estame a entrar unha fame voraz.

Ata outra amig@s.

Vou xantar.

TEXTO: Taberneiro Lamentable

ESCOITA O DISCO



{fcomments}

Vindeiros concertos

730420884_1337790048570468_6286346550883443914_n.jpg }26 Xun 2026
Festas de Bandourrio
Ribeira
713344868_1301792668746729_7324791010434624983_n.jpg }25 Xun 2026
Festas do Barrio de San Pedro
Santiago de Compostela
709425968_122186507174772052_9087733860819079670_n.jpg }26 Xun 2026
Fumega Fest
Parque do Pasatempo - Betanzos
712429099_17978966949041555_4653578501519693229_n.jpg }26 Xun 2026
IV Perla Mural Fest
Fene
727834649_3142290562632227_1320068242635876020_n.jpg }26 Xun 2026
Rural Fest 3º Olimpíadas Rurais de Galicia
Praza Andón Cebreiro - Friol
semana-cultural-de-mañufe-gondomar_img46928n1t0.jpg }26 Xun 2026
VI Semana Cultural de Mañufe
Mañufe (Gondomar)
717216102_18360253201237107_7782880981298174567_n.jpg }26 Xun 2026
X Fisterra Experience
Fisterra
727497576_1440025754838127_8851835332231972680_n.jpg }26 Xun 2026
XXXVII Galiziako Eguna
Gasteiz, Araba (Euskal Herria)
728572704_1050167691259547_4562811107141874779_n.jpg }26 Xun 2026
07:00PM -
Festival Fin de Curso Son das Ferriñas
Auditorio Colexio Carmelitas - Vigo
730722992_18433133908133304_6840807100531077879_n.jpg }26 Xun 2026
08:00PM -
Charo Pita & Xoán Curiel
Centro Cívico Sociocultural - A Igrexa, As Somozas (As Somozas)