Acaba o 2016 e aínda temos unha morea de discos de grupos galegos da que vos falar. Eis o que nos pareceu o novo traballo de Linho de Cuco, publicado na primavera deste ano que está a rematar. Os dezaos fan unha viaxe á tradición, mais fuxindo de nostalxias e de cheiros a naftalina para nola apresentar anovada neste seu cuarto traballo. E coma sempre, non quedes coa nosa impresión, bótalle unha escoitada ao disco no artigo e tira as túas conclusións!

Linho do Cuco publicou novo traballo na primavera de 2016. Viva Viva! (Discos da Máquina, 2016) é o cuarto disco dos dezaos e foi presentado o pasado 25 de xuño no Teatro Principal da Estrada, coa compaña da banda de música da vila. Porén, non foi a primeira vez que o grupo defendeu ao vivo as novas cancións pois xa houbera ocasión de escoitalas en senllos concertos que Linho de Cuco dera a mediados do mes de xuño no seu Lalín natal e mais en Vilar de Santos, na Arca da Noe, local imprescindible para a comarca da Limia e flamante gañador do premio Organistrum ao mellor local de música ao vivo nos premios Martín Códax da música galega deste ano.

A formación leva mutado moito nos vinte anos que separan a aparición deste cuarto traballo dos seus comezos, como cuarteto de gaitas na última década do século XX. Na actualidade son nove os músicos sobre o escenario e á instrumentación propia dun cuarteto tradicional uníronse zanfona ou acordeón diatónico mais tamén tuba e oboe para os transformar –nas súas propias palabras- nunha orquestina galega underground que segue a se fornecer da tradición galega para crear novas músicas que, e tamén segundo eles, están exentas de nostalxia e de lousa ningunha sobre a conciencia do herdado. O que si se pode atopar en Viva, viva! é o arrecendo do día da festa, do fogueteiro prendendo as bombas co seu pito e das crianzas a rebuliren no torreiro mentres os maiores comen no polbo. Isto non é novidade nos Linho do Cuco pois xa nos seus anteriores discos: Linho do Cuco, a súa estrea no 2004, 3 do 2009 e mais As alegrías, publicado no 2013, podiamos degustar esa querencia pola música de bandas, con tanto arraigo no Deza.

Este novo disco segue a nos transportar até un palco calquera, na hora do vermú, coas parellas bailando cerimoniosas o agarrado. Mais non se trata dunha viaxe no tempo, os nosos bailaríns para a ocasión visten roupaxes modernas e botan unha olladela no seu móbil entre peza e peza. Linho do Cuco non quere transmitir unha foto fixa ancorada no tempo, fan uso da nosa tradición co coñecemento de quen leva décadas a traballar e gozar nela mais sen a veneración de quen acha que ten un tesouro entre as mans que se debe manter inmaculado. Así, van pasando as cancións deste Viva Viva! –dispoñible para a súa escoita no bandcamp do grupo- moitas con referencias “animais”, como Troski e Laica, homenaxes dos que fornon nenos de aldea a esas cans da casa, palleiros ou non, compañeiros de aventuras, tamén Catalana e pantalón, chiscadela á viaxe á Alcarria de Cela que vale aquí para nomear un tema de claros aires casteláns ou a peza que dá nome ao disco, que á súa vez toma o nome dun conto que lle escoitaron os membros do grupo a Sechu Sende, que falaba dun can chamado Viva.

Quizais onde máis se poida percibir esa intención de fuxir de nostalxias e cheiro a naftalina é nas letras das súas cancións, que por vez primeira inclúen a voz, Xacobe, gaiteiro e cantante santiagués, pois os anteriores traballos foran totalmente instrumentais. Non é doado facer unha proposta do estilo e estética da que fai Linho do Cuco e non caer nesas eivas saudosistas mais os de Lalín fano e boa parte débese a aposta por coplas modernas, como as que aquelaron as Ataque Escampe para a Mazurca de Pazos de Borbén ou Kitty Hawk Kimonos sobre un poema do escritor norteamericano Richard Brautigan. Outra referencia neste disco é o traballo de Xabier Blanco, o gaiteiro moañés, do que Linho do Cuco toma dúas cancións, O malamañado e o Canto dos ferreiros, esta última empatada coa Rumba de Muras, do repertorio do gaiteiro de Muras, nun dos momentos álxidos do disco.

TEXTO: lavesedo


{fcomments}

Vindeiros concertos

788493854_1789868442147297_689821495456622007_n.jpg }01 Out 2026
Concertos do Marisco
O Grove
827509898_18126535393868833_4614253433653912513_n.jpg }04 Out 2026
San Froilán
Lugo
831699523_1453170276709818_5025402978144051198_n.jpg }07 Out 2026
08:00PM -
Circes e Morganas
Teatro Colón - A Coruña
839157800_18348525814268419_3961946061528077243_n.jpg }07 Out 2026
10:00PM -
Banda das Crechas
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
788493854_1789868442147297_689821495456622007_n.jpg }01 Out 2026
Concertos do Marisco
O Grove
827509898_18126535393868833_4614253433653912513_n.jpg }04 Out 2026
San Froilán
Lugo
647201794_1542328507897207_5092443533614429819_n.jpg }09 Out 2026
Agora Guerrilla
Sala Ártika - Vigo
788493854_1789868442147297_689821495456622007_n.jpg }01 Out 2026
Concertos do Marisco
O Grove
827509898_18126535393868833_4614253433653912513_n.jpg }04 Out 2026
San Froilán
Lugo
801873409_1389845816685280_5809288129225240939_n-1248x1536.jpg }09 Out 2026
08:30PM -
Chicharrón + Anxo Araújo
Riquela Club - Santiago de Compostela
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.