O pasado venres 4 de novembro púñase á venda o novo disco de Guadi Galego, O mundo está parado (Fol Música, 2016). Dispoñible para a escoita en plataformas dixitais como Spotify, Deezer ou iTunes, houbo á venda nas tendas unha edición limitada -da que non sabemos se aínda quedan existencias- feita en vinilo+CD e agora a convencional só en CD. Debullamos o marabilloso novo traballo de Galego, que podes escoitar tamén no artigo.

O novo disco chegou primeiro nun formato coidado, unha edición limitada en vinilo, que inclúe ademais do disco, o CD e unha fotografía de Carlos Abal. Había até dez imaxes distintas, repartidas nos mil exemplares da tirada, feitas polo fotógrafo e compositor, que asina tamén tres dos dez temas do novo disco da de Cedeira. E precisamente co videoclip dun tema dedicado a súa vila natal deuse a coñecer este novo disco de Guadi Galego a finais do ano pasado. No vídeo, un óculo achéganos mulleres, homes e lugares do norte, mentres a música arrólanos nunha suave habaneira que recorda en feitura e melodía os grandes temas de Lúas de outubro e agosto (Fol Música, 2014), co engadido dun toque meláncolico nos metais.

Este single, “Cedeira”, abre tamén o disco pero moi logo descubrimos que a súa liña continuista co anterior traballo de Galego non é nin moito menos toda a bagaxe do novo disco. Apenas escoitar as dúas seguintes cancións, “O privilexio é soñar” que nos leva á dozura e os tempos da súa estrea en solitario no 2009, Benzón, ou do disco que partillou con Guillerme Fernández, Espido, cando aínda os dous formaban parte dos Berrogüetto no 2005, e “Mente en branco”, unha das asinadas por Carlos Abal e con innegables aires de balada rock, é suficiente para se decatar da diversidade que abrangue O mundo está parado. Por unha banda, ese ollar electrificado cara ao pop-rock, que aparece por exemplo tamén noutro dos temas de Abal, “Dende que marchaces”, por outra, ese pop con reflexos da tradición onde ten cabida neste disco todo o abano de posibilidades que Galego ten despregado nos seus anteriores traballos. Boa mostra disto son “Vas cara arriba”, “Vida” ou “Canción para ver”, tema que fecha o disco nunha liña moi semellante á que posúe a devandita “Cedeira”. Semella haber, no entanto, unha evolución na sonoridade con respecto deses discos anteriores, coa voz de Guadi en xeral máis arroupada entre o piano, outras cordas e por veces os metais neste O mundo está parado. En xeral as letras das cancións, agás na clara homenaxe ás xentes do norte de “Cedeira”, ábrense á interpretación das ouvintes, nomeadamente nas de autoría de Guadi Galego, aínda que explicitamente se busca en todo o traballo unha reflexión sobre a imposibilidade da coherencia.

"Mente en branco" foi o 2º videoclip deste disco

Por vez primeira, Galego inclúe un tema en castelán nos seus discos. “El entorno”, foi creado polo produtor do disco, o andaluz Pachi García, que producira xa Lúas de outubro e agosto. Probablemente un dos momentos álxidos do novo disco e proba da boa sintonía entre a artista o produtor escollido por ela na súa viraxe cara ao pop. E sen dúbida, outra das cancións mási destacadas é “Tribu”. De volta máis roqueira, racha a liña do disco introducindo un contrapunto vigoroso na cadencia xeral, maina, quizais un chisco máis lenta ca no disco anterior. Porén, a sonoridade máis elaborada probablemente permita que ao vivo o disco gañe moita enerxía, máis do que xa lle acontecía ao propio Lúas de outubro e agosto.

Hai dous anos, Guadi Galego asentou de vez a súa traxectoria en solitario con ese disco que a colocou como unha das referencias indiscutibles da música galega do século XXI, abríndose ademais a un estilo máis abeirado ao pop que lle permitiu chegar a moito máis público do xa numeroso que coñecía a súa traxectoria en Berrogüetto e aCadaCanto.  Agora, O mundo está parado vén confirmar esa liña, con frescura e novos matices que permiten albiscar todo o que Galego pode aínda mostrar.  

E "O mundo está parado", publicado hai uns días , é o 3º e polo de agora último traballo audiovisual arredor do disco

TEXTO: Lavesedo  


Pégalle unha escoita a "O mundo está parado"

Vindeiros concertos

845653492_18481801459117335_5175430342770525040_n.jpg }16 Out 2026
Culturgal Expandido
Muros
827746238_18092003912658783_1168922371938489971_n.jpg }14 Out 2026
SiSons Festival Connect
Santiago de Compostela
829967532_17975859075129618_962089406725050682_n.jpg }16 Out 2026
Tonhito de Poi
Ocean Rock Bar - Vigo
821223494_3443122332527631_2737291816677584176_n.jpg }16 Out 2026
VIII Nos Seus Pés
Praza do Corgo - O Grove
799755352_122288618450015711_3394418237901902229_n.jpg }16 Out 2026
XI Muinhada de Vimianzo
Vimianzo
836333662_1110479271705422_8066417261108706878_n.jpg }16 Out 2026
XXV Feira Histórica 1900
Arteixo
840752650_1097480429843323_4539212149321163659_n.jpg }16 Out 2026
08:15PM -
Luar na Lubre
Teatru José León Delestal - Llangréu (Asturies)
825278739_1037624982610093_2960408248257433883_n.jpg }16 Out 2026
09:00PM -
XIV Foliada Popular
Local da SIR La Devesana - Devesos (Ortigueira)
828343120_18429435592197656_7508647484675682273_n.jpg }16 Out 2026
10:00PM -
The Lelli Kelly´s + 800 Gondomar + Dj Gramola
O Adro - Cangas
842608920_1699842655477256_2052626415689733856_n.jpg }16 Out 2026
10:00PM -
Doroxo Presbiçian + The Sexy Lefties
Sala Rebullón - O Rebullón, Tameiga (Mos)