Labregxs do Tempo dos Sputniks darán na Candeloria o seu penúltimo concerto. A despedida será o 1 de abril, na sala MalaTesta de Compostela. Para as que non imos poder ir até Santiago, o concerto deste sábado na sesión vermú vai ser a derradeira vez de podermos gozar con este trío estraño e marabilloso, no que confluíron durante dez anos estilos musicais e sensibilidades tan diversas como as que poden ter o Leo, Bolboreta e García Mc. Para o consolo só nos vai quedar Libremente, o disco que publicaron o ano pasado.

O concerto do sábado na Candeloria  e o da sala MalaTesta o vindeiro 1 de abril semellan ser as derradeiras datas dxs Labreghxs do Tempo dos Sputniks. Ou non…nunca se sabe, cando se está a falar dunha banda coa anarquía no ADN. Nós tivemos a oportunidade de velos na Rebusca e verémelos de volta en Lugo e desexamos que só o tempo decida cando remata realmente o camiño encetado hai dez anos, cando o Leo i Arremecághona e mais García MC se atoparon musicando Celso Emilio Ferreiro na presentación dun monográfico sobre o autor celanovés. Achegándose á obra de Ferreiro desde puntos de partida tan diferentes coma poden ser o punk, o Leo, e o hip-hop, García MC, o certo é que os dous coincidían en anovar e visibilizar –para a xente máis nova- a obra do escritor. A chispa prendeu na presentación do monográfico de Arrainos dedicado a Ferreiro e ao pouco, os Labreghos –daquela todos homes pois era Vero (ex-Xenreira) quen entrou para se encargar das percusións- comezaron a aparecer nos cartaces dos festivais e na programación dos pubs e locais de concertos. Sen apenas ensaios, coa anarquía conxénita de calquera proxecto onde estea inmerso o Leo, mais coa beleza da palabra de Celso Emilio e a forza que lles proporcionaban as novas roupaxes punk e hiphopeiras, o certo é que os Labregos non deixaban –nin deixan- ninguén indiferente. Veu despois a saída do Vero e ao pouco o proxecto rearmouse coa entrada de Lydia Botana, Bolboreta. Perfecto complemento das dúas voces, a multiinstrumentista rematou por ser a terceira pata que lle deu estabilidade a vigor axs Labregxs.

   Parecen mala xente, pero non tal

E xusto agora que anuncian que estas dúas datas no 2017 serán a despedida dos escenarios, xs Labregxs presentan o seu primeiro disco, Libremente (Vir, 2016). O que probablemente sexa o único disco da banda é unha amálgama onde collen a poesía de Celso Emilio atravesada pola actitude punk e o flow das Labregas, mais tamén hai oco para Luís Pimentel e Lois Pereiro, para a ranchera, para versións dos Clash e dos Stooges mais sobre todo para Mini e Mero, únicos pais musicais recoñecidos pola banda, que colaboran cantando e tocando pandeireta, pandeiro e zanfona en “Un vento vén” e “Cantiga para unha antroidada”. Gravado principalmente no verán de 2014, en Rapapoulo Estudio por Alfredo Regos, agás “Un vento vén”, gravado no Estudio A Ponte por Tomás Ageitos no 2015, o disco está mesturado e co-producido por J. Mourón en Rapapoulo e masterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios. Traballar cos mellores nomes do país permitiulles obter un son descarnado, coas emocións latexantes atrás de cada estrofa. Un traballo ecléctico, cunha innegable influencia de Rage Against the Machine, mais onde Luis Emilio Batallán, Public Enemy ou Xenreira tamén deixan a súa pegada. Un disco que co tempo será lembrado como un dos mellores discos galegos desta década, por rompedor e emocionante, legado dunha banda da que aínda poderemos gozar ao vivo no 2017, cando menos na Candeloria de Lugo dentro de tres días.

TEXTO: lavesedo

FOTO: Lucía Mallo

Aquí tedes o disco:

{fcomments}

Vindeiros concertos

827746238_18092003912658783_1168922371938489971_n.jpg }14 Out 2026
SiSons Festival Connect
Santiago de Compostela
842868959_122179831634972629_4066068472441912344_n.jpg }15 Out 2026
07:30PM -
Carlos Rego e Iván Valkaisser
RíoLagares - Vigo
845653492_18481801459117335_5175430342770525040_n.jpg }16 Out 2026
Culturgal Expandido
Muros
827746238_18092003912658783_1168922371938489971_n.jpg }14 Out 2026
SiSons Festival Connect
Santiago de Compostela
829967532_17975859075129618_962089406725050682_n.jpg }16 Out 2026
Tonhito de Poi
Ocean Rock Bar - Vigo
821223494_3443122332527631_2737291816677584176_n.jpg }16 Out 2026
VIII Nos Seus Pés
Praza do Corgo - O Grove
799755352_122288618450015711_3394418237901902229_n.jpg }16 Out 2026
XI Muinhada de Vimianzo
Vimianzo
836333662_1110479271705422_8066417261108706878_n.jpg }16 Out 2026
XXV Feira Histórica 1900
Arteixo
840752650_1097480429843323_4539212149321163659_n.jpg }16 Out 2026
08:15PM -
Luar na Lubre
Teatru José León Delestal - Llangréu (Asturies)
825278739_1037624982610093_2960408248257433883_n.jpg }16 Out 2026
09:00PM -
XIV Foliada Popular
Local da SIR La Devesana - Devesos (Ortigueira)