Non descubrimos nada se dicimos que Sés é a música galega con máis éxito desta segunda década do século XXI. Xa van 7 anos desde que lanzara a súa primeira maqueta en solitario, á que seguiron 4 discos de estudio que a levaron a ser coñecida en todo o país. Fagan a proba, vaian a un instituto calquera e pregunten á rapazada se coñecen música en galego. Agás bandas locais ou algunha referencia illada a esta ou aqueloutra banda, só hai un nome que aparece decote nas bocas da mocidade, o de Sés. Quizais aínda teñamos esperanza e consigamos, como ela propia di no seu último disco, opoñernos á extinción.

A primeira fin de semana do mes de decembro de 2016 saíu á venda o novo traballo de Sés, Opoñerse á extinción, (Fol Música, 2016), cuarto disco na andaina da música e cantautora coruñesa. O éxito foi, máis unha vez, abraiante. O disco distribuíuse polos lugares que seguen a vender música no país, grandes superficies incluídas, e este primeiro envío durou nas tendas apenas horas antes de se esgotar. No Culturgal, a fileira de persoas a agardar pacientemente para conseguir que Sés lles asinase o disco sorprendía as persoas todas que entraban na feira da cultura galega. Simplemente dous exemplos da repercusión que ten cada novo disco da coruñesa, que se converteu sen dúbida nunha das mellores novas arredor da música galega dos últimos anos.

Criada musicalmente na música tradicional, Sés deuse a coñecer con Chámalle Xis!, un dos proxectos gañadores do concurso Acoruña Son no 2007. A partir de aí, viñeron colaboracións con diferentes bandas galegas, entre as que destaca pola beleza e orixinalidade da canción a súa colaboración con Zënzar, o tema “Caneando ruainas” incluído no disco A tribu (2009) dos de Cerceda, até que no 2010 lanzou a súa primeira maqueta en solitario, á que seguiron os, polo de agora, 4 discos de estudio que leva publicados.

Nos traballos de Sés amalgábanse diversos estilos musicais, a paisaxe sonora pola que transitou ao longo da súa vida e así a pegada da súa orixe tradicional e cantareira é patente, probablemente neste novo disco máis incluso ca nos anteriores. “Polo teu corazón”, “Bótanlle leña” ou “Romance da bela rosa” son mostra innegable disto e con certeza representan tamén a meirande variación ou innovación estilística de Sés respecto dos anteriores discos, especialmente a primeira, que nos trae ecos da mellor Mercedes Peón, na súa cadencia de muiñeira americanizada. Cara este continente olla, coma adoita de sempre, a coruñesa con continuidade ao longo dun disco en que ela é a creadora de todas as letras e músicas. E faino tanto a un lado coma outro do río Bravo del Norte. “Co sorriso ante a malicia” ou “Dúas lúas” mostran o seu crecente interese polo blues e a música toda que corre polo Mississippi abaixo, patente xa no anterior traballo, Tronzar os valos, (2015). E “Semente de vencer” –a luminosa e esperanzadora canción que fecha o disco-, “Desde o altar” ou “Con tambores de mar” achegan os ritmos latinoamericanos, a pegada dos cantautores de América do Sur, que foron de sempre un dos sinais de identidade do proxecto de María Xosé Silvar. Porén, lonxe de se acomodar, Sés amplía o abano de influencias que recollen os seus discos e así ten pasado de alicerzar a súa música apenas nos estilos latinos máis recoñecibles e en estándares do rock a atesourar nas súas cancións moitos máis matices, sutilezas que engaden profundidade e –aínda máis- beleza ao seu traballo, sen esquecer o eclecticismo que lle é propio de sempre e que nos permite, por exemplo, saltar do rock descarnado de “Se a alma non me doe” á feitura tradicional do “Romance da bela rosa” e  de aí deica o fulgor mexicano de “Semente de vencer”, na fermosísima tríade de cancións final do disco.

Gravado, mesturado e masterizado por Xabier Ferreiro nos estudios Bruar da Coruña no verán deste ano, en Opoñerse a extinción participa a formación que adoita acompañar a Sés ao vivo. Tito Calviño ás guitarras, Lorena Martín na batería e Fernando Fraga no baixo. Xunto a eles, as tres “Lucías”, Lucía Souto, Lucía Cela e Lucía Ínsua, nos coros. E a primeira delas, Souto, poñendo voz na tamén moi fermosa e persoal “Con tambores de mar”.

O marabilloso sería seguirmos existindo, apunta Sés na contracapa do disco. Ollar a rapazada dun instituto calquera do país cantaruxar as súas novas cancións abre unha físgoa á esperanza: aínda é posible opoñerse á extinción.

Vindeiros concertos

827746238_18092003912658783_1168922371938489971_n.jpg }14 Out 2026
SiSons Festival Connect
Santiago de Compostela
839157800_18348525814268419_3961946061528077243_n.jpg }14 Out 2026
10:00PM -
Banda das Crechas
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
827746238_18092003912658783_1168922371938489971_n.jpg }14 Out 2026
SiSons Festival Connect
Santiago de Compostela
842868959_122179831634972629_4066068472441912344_n.jpg }15 Out 2026
07:30PM -
Carlos Rego e Iván Valkaisser
RíoLagares - Vigo
845653492_18481801459117335_5175430342770525040_n.jpg }16 Out 2026
Culturgal Expandido
Muros
827746238_18092003912658783_1168922371938489971_n.jpg }14 Out 2026
SiSons Festival Connect
Santiago de Compostela
829967532_17975859075129618_962089406725050682_n.jpg }16 Out 2026
Tonhito de Poi
Ocean Rock Bar - Vigo
821223494_3443122332527631_2737291816677584176_n.jpg }16 Out 2026
VIII Nos Seus Pés
Praza do Corgo - O Grove
799755352_122288618450015711_3394418237901902229_n.jpg }16 Out 2026
XI Muinhada de Vimianzo
Vimianzo
836333662_1110479271705422_8066417261108706878_n.jpg }16 Out 2026
XXV Feira Histórica 1900
Arteixo